distinctio*
Figura retórica de pensamento que consiste en evidenciar as diferencias que existen entre dous termos aparentemente sinónimos ou similares nalgunha das súas atribucións (paradiástole). Emprégase, así mesmo, para nomear a tensión semántica que resulta da dobre aparición dunha palabra nun mesmo contexto, a primeira vez, co seu sentido habitual, e a segunda, de forma enfática. Se o valor enfático enriquece a significación ordinaria, recibe o nome de diáfora; se, pola contra, o restrinxe, chámaselle antístase. Pode empregarse como estratexia para refutar os argumentos aducidos co fin de defender unha cuestión determinada, isto é, cando un dos participantes nun litixio emprega unha expresión aparecida con anterioridade nun sentido diferente. Para Quintiliano, tratábase dunha variación da paronomasia, que se caracterizaba pola repetición do mesmo vocábulo na posición recta e na enfática.