Do ermo

Do ermo
[LIT]

Poemario de Antonio Noriega Varela aparecido en 1920 nunha edición ao coidado de Antón Losada Diéguez, Vicente Risco e Arturo Noguerol, constituído por corenta e oito poemas, dezaoito deles procedían da segunda edición da primeira obra poética do autor, Montañesas (1910), aos que se engadiron trinta novas composicións de ton relixioso. En 1920 imprimiuse a segunda edición custeada polos emigrantes mindonienses en Bos Aires, e en 1929 unha terceira da Tipografía Centro de Acción Social Católica de Mondoñedo, coa aclaración “Novísima edición, aumentada”, na que se incorporaron vinte e un sonetos. En 1946, meses antes da morte do poeta, apareceu Do ermo. Cuarta edición (a luguesa) aumentada, escolma da obra poética do autor. Divídese en tres partes: “A Virxen y-a paisanaxe”, recolleita de cen cantigas populares, “Montañesas” e “Do ermo”. Contén ademais un fragmento dun poema de Cantares gallegos, unha carta do poeta Teixeira de Pascoães e unhas notas de Francisco Leal Insua. Consta agora de cento dous poemas: setenta e un da edición de 1929, seis da segunda edición de Montañesas, un da edición de 1920 e vinte e catro novos. Nos textos da edición de 1946 rexístrase a influencia da tradición popular, versións ao galego ou adaptacións de poetas da Península Ibérica e doutros autores, como T. de Pascoães ou Alphonse de Lamartine, poemas que se poden encadrar no franciscanismo poético ou de tema relixioso. Destaca a recorrente presenza da montaña que se converte no locus amoenus do poeta, e do ermo, elementos fundamentais da obra, así como a relixiosidade e a actitude lírica do poeta en posición de humildade. A natureza coa que o eu poético dialoga, contemplada dende un punto de vista tenro cara aos seres máis pequenos e humildes (a floriña do monte ou a pinga do orballo) que simbolizan a tenrura, é a protagonista indiscutible e eixe temático. Os poemas procedentes de Montañesas caracterízanse por seren máis descritivos e reflectir as tradicións relixiosas do mundo rural. Nos sonetos, de coidada expresión, latexa a influencia dos poetas da Nova Escola Portuguesa como Antero de Quental e o saudosismo de T. de Pascoães, e neles presenta motivos de inspiración clásica, como a metamorfose, ou tópicos universais, como o desprezo da vida mundana a prol da vida retirada e a saudade do pasado. Completan as liñas temáticas un lirismo de ton máis persoal, a poesía de inspiración social, a loanza mariana e o humor. En 1994 apareceu a edición crítica da obra completa do autor realizada por Freixeiro Mato.