Doa

Doa
[MÚS]

Grupo pioneiro na música folk galega fundado no ano 1978 na Coruña da man de Xoán Piñón e Bernardo Martínez, aos que máis tarde se uniría Enrique Ferreira. Os primeiros directos como grupo fixéronos acompañando a X. Quintas Canella e arranxando os seus temas; coa chegada de Miro Casabella o grupo acadou a formación de cuarteto. O seu primeiro disco, O son da estrela escura (1979), incluíu varios temas cantados na voz de Miro Casabella e contou coa colaboración de Pedro Puértolas, Michel Canadá, Xaquín Blanco, Francisco Luengo e Luciano Pérez, e realizaron xiras por Galicia e diversas cidades da Península Ibérica, EE UU e Canadá. Posteriormente, colaboraron co grupo Pedro Puértolas, Baldo Martínez e Manuel Varela; nesta época, o grupo abandonou o elemento vogal na súa estrutura interna e pasou a ser a que se pode considerar a primeira formación exclusivamente instrumental galega, aínda que o segundo disco, Polaridade (1984) contou coa participación de Víctor Manuel, produtor da gravación e intérprete do Baile de pandeiras. No segundo e terceiro disco deixaron constancia dunha sorte de reciclaxe musical que se manifestou no cambio dun son acústico, cun repertorio medieval e composicións propias, como as versións das Cantigas de Afonso X ou de Martin Codax do primeiro disco, a unha estética máis contemporánea, na que incorporaron instrumentos tan inusuais nunha formación de corte tradicional como o vibráfono. A formación orixinaria experimentou unha reconversión e só quedou Xoán Piñón, aínda que en Polaridade participaron Xaquín Blanco, Julio Blasco, Carlos Castro, Pepe Bordallo e Javier Jurado; en Perfiles (1986), os novos músicos foron Rubén Pérez, Manuel Varela e Carlos Castro. O grupo reapareceu en 1995 no Festival Cidade Vella de Santiago de Compostela 2000 cun esquema musical parecido ao da súa primeira formación: son acústico, repertorio tradicional e composicións propias que conservaron no seu cuarto disco: Arboretum (2001). Nesta gravación participaron Xoán Piñón, Bernardo Martínez, Xaquín Blanco, Nora McEvoy, Javier Ferreiro, Francisco Luengo, Alfonso Morán, Luciano Pérez, Javier Cedrón e Roberto Grandal. No ano 2001 gravaron o tema Cantiga das árbores e dúas adaptacións para octeto coral e violín na película El Bosque Animado.

Palabras veciñas

doa | Doa | Doa | Doa | Doāb | Doade | Doade