Dominicana, República

Dominicana, República
Nome científico: [nome oficial cast: República Dominicana]

Estado insular de América Central, nas Grandes Antillas, que ocupa as dúas terceiras partes da illa La Española, no seu sector oriental. Limita ao O con Haití, ao N e L co Océano Atlántico e ao S co Mar Caribe (48.511 km2; 8.364.000 h [estim 1999]). Esténdese entre os 20° e 18° de latitude N e os 73° e 68° de lonxitude O. A capital é Santo Domingo.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O relevo da República Dominicana caracterízase por ser moi montañoso, con altitudes superiores aos 3.000 m, que fan da súa orografía unha das máis desenvolvidas e variadas de todas as Antillas, onde se alternan os grandes cumios cos vales intermedios atravesados por numerosos ríos. Atendendo ao relevo, o territorio dominicano divídese en catro grandes sectores: a Cordillera Central, a Cordillera Septentrional, a rexión natural do SO e as chairas costeiras. A Cordillera Central, formada por materiais paleozoicos, atravesa a illa de SL a NO e nela é onde se rexistran as maiores altitudes do país (o pico Duarte, de 3.175 m de altitude). A Cordillera Septentrional, formada por materiais calcarios moi erosionados, discorre paralela á costa N, cunha orientación SL-NO; o pico Diego de Ocampo (1.249 m de altitude) constitúe o seu teito. A rexión natural do SO é a máis complexa e variada: ten como elementos orográficos máis importantes as serras de Neiba e Bahoruco, que culminan respectivamente nos 2.262 m e 1.630 m de altitude. Entre ambas as dúas orixinouse unha conca endorreica que deu orixe ao lago Enriquillo e ás extensas salinas do val de Neiba. As chairas costeiras situadas entre a Cordillera Septentrional e as costas do Atlántico constitúen unha área densamente poboada, grazas ás condicións climáticas favorables.
Hidrografía e climatoloxía
A rede hidrográfica principal articúlase ao redor das concas dos ríos Yaque del Norte e Yuna, que desembocan na baía de Samaná. Outros ríos de menor importacia son o Yaque del Sur e o Soco, que desembocan no Mar Caribe. O clima é tropical, cálido e húmido, modificado pola influencia das brisas mariñas e as correntes oceánicas. Unha particularidade é a variedade de microclimas, consecuencia do quebrado e montañoso do seu relevo. As temperaturas medias son elevadas, entre 25°C e 26°C, con escasa oscilación diúrna e anual. A pluviosidade é máis elevada na área oriental (recóllese unha media de 1.459 mm anuais en Santo Domingo) ca na parte occidental, debido á influencia dos ventos alisios.
Medio ambiente
A República Dominicana sitúase na rexión tropical. Nela están presentes os ecosistemas tipicamente tropicais e, nas zonas de maior altitude, outros propios dun clima temperado. En función do patrón do réxime pluvial, relacionado coa orientación L-O das principais cadeas montañosas e a dirección predominante NO-SO dos ventos alisios (que orixinan precipitacións orográficas nas vertentes orientadas ao N), as rexións máis húmidas son as expostas cara á costa NL atlántica e as máis secas cara á costa SO caribeña. Os principais ecosistemas dende o nivel do mar ata os cumios son: os arrecifes de coral, dispostos sobre a plataforma insular (que ocupa 9.482 km2de superficie) que se manifestan en arrecifes en franxa e barreira; as praderías mariñas, que cobren os fondos areosos de esteiros, baías e enseadas, formadas por fanerógamas mariñas; manglares, nas áreas litorais protexidas (os de maior extensión son os situados na desembocadura dos ríos Yuna e Yaque del Norte); as lagoas, as máis delas asociadas aos manglares (destacan as de Cabral, Oviedo, Redonda e Limón, ademais do lago Enriquillo, que con 40 m por baixo do nivel do mar constitúe a maior lagoa das Antillas), e que conforman importantes refuxios para as aves acuáticas migradoras de toda Norteamérica; os bosques, xerófilos nas zonas baixas e húmidos nas montañas, ocupan unha superficie de 7.000 km2. A República Dominicana presenta unha moi alta biodiversidade: coñécense 5.600 especies de plantas vasculares, das que 35 xéneros e 1.800 especies son endémicos. Debido á redución dos bosques, moitas especies corren grave risco de extinción. A fauna vertebrada está composta por 60 especies de anfibios (das que 58 son endémicas), dúas especies de iguanas, 111 especies de lagartos (89 delas endémicas), 28 especies de serpes (26 endémicas), unha especie de crocodilo, o americano, limitado na actualidade ao lago Enriquillo, catro especies de sapoconchos mariños e dúas de auga doce; 33 especies de mamíferos, entre os que destacan 18 especies de morcegos -un deles endémico-, e o manatí, e 254 especies de aves, das que 22 son endémicas. O país conta cunha extensa rede de áreas protexidas que teñen como figura máxima os 16 parques nacionais.
Xeografía económica

Economía
A República Dominicana é un país en vías de desenvolvemento no que rexe o sistema de economía de mercado. Desde mediados da década de 1970 rexistráronse altas taxas de crecemento económico, que se viron freadas na década seguinte, e ata 1995 o crecemento foi moi reducido e a inflación extremadamente elevada. A influencia de capital estranxeiro, principalmente dos EE UU, é outro dos aspectos destacados da economía dominicana, que ten no Banco Mundial e no Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) as principais fontes de financiamento. O goberno limitou o investimento estranxeiro en determinadas áreas, como algúns servicios públicos, a explotación forestal, os recursos hidráulicos e os transportes. A evolución do crecemento do PIB na segunda metade do s XX pódese dividir en catro períodos: un primeiro, entre 1960 e 1967, no que se rexistrou unha expansión moderada, que oscilaba entre o 4,2% e o 5% anual, favorecido pola prosperidade xeral do Caribe, baseada na boa acollida dos seus produtos nos mercados internacionais. O período 1968-1974 foi o máis brillante da historia económica do país, debido á considerable suba dos prezos do azucre e a estabilidade do petróleo que favoreceron tanto a balanza comercial que o PIB se incrementou nunha media do 10’6% anual, unha das taxas máis elevadas. O período 1975-1979, afectado pola crise do petróleo, levou a un incremento global dun 4,4% de media. Finalmente, os inicios dos anos oitenta foron irregulares, o PIB medrou o 3,5% en 1981 e só o 1,5% en 1992. Mesmo se rexistraron fortes baixadas nalgúns exercicios, de xeito que o PIB de 1985 era un 18,5% inferior ao de 1980, e incluso o de 1990 foi un 5,7% máis baixo que o da primeira data. En 1997 o PIB acadou un valor de 14.148.000.000 $ USA e a inflación situouse no 8,3%. A débeda externa chegou aos 4.239.000.000 $ USA (1997). A poboación activa en 1997 compúñana 3.553.000 traballadores, dos que o 30% eran mulleres. O desemprego converteuse nun dos principais problemas estruturais da economía dominicana, pois afectaba ao 15,9% da poboación (1997), e o PIB por habitante era de 1.750 $ USA en 1997. A moeda oficial é o peso dominicano. Como consecuencia dos desaxustes económicos, a moeda desvalorizouse en decembro de 1996; grazas a esa medida permaneceu practicamente estable ata 1997, con flutuacións moi lixeiras.
Recursos e sectores de actividade
Unha das principais características da economía dominicana é a súa elevada dependencia da agricultura, que, malia xerar só o 14% do emprego directo, supón unha parte moi importante das exportacións. As explotacións agrarias dedícanse fundamentalmente aos cultivos tropicais, orientados en gran medida aos mercados internacionais, dos que a cana de azucre representa o 20% do valor das exportacións nacionais; o país é o oitavo produtor mundial de cacao; o café significa o 7% das exportacións; cultívanse, ademais, tabaco, tomates, cítricos, bananas, cacahuetes, coco, algodón e cánabo. Pola contra, a produción de millo, arroz, mandioca e patacas resérvase para o abastecemento do mercado interno. A gandería, localizada preferentemente no val do Yaque del Norte, céntrase no bovino, que se emprega en moitos casos, do mesmo xeito que o equino (cabalos, mulas e asnos), como forza de traballo nas explotacións agrícolas. Da súa importancia dá conta a porcentaxe de superficie dedicada a pastos, próxima ao 40%. A pesca é case que insignificante, pois as capturas da súa flota, moi rudimentaria, só sumaron 10.171 toneladas en 1998 (destacan os túnidos). As industrias pesqueiras están pouco desenvolvidas, debido principalmente á falta de equipamento para a pesca de altura e para o conxelado de peixe. A explotación forestal e mineira destaca na Cordillera Central. En 1983 cesou a extracción de bauxita, que constituía o seu recurso principal con 18 millóns de toneladas de reserva, debido ao descenso dos prezos no mercado internacional, que fixo inviables as explotacións por falta de rendibilidade. Explótase o ferro-níquel e os metais preciosos. En 1981 descubriuse en Bahoruco un xacemento de petróleo cunha capacidade potencial dun millón de toneladas anuais, a metade do consumo dominicano. A industria, pouco desenvolvida, acolle xunto coa minería, o 23% da poboación ocupada. O sector baséase na primeira transformación dos produtos agrícolas propios (cana de azucre, arroz, conservas, algodón e tabaco) e na elaboración de materiais de construción (cemento), aínda que tamén hai centros produtores da industria química e do papel. O abastecemento enerxético proporciónano as centrais térmicas, que empregan como principal combustible o petróleo, aínda que nos anos finais do s XX se acometeu a construción de centrais hidroeléctricas. As actividades terciarias pasaron a ser as maiores xeradoras de emprego, pois acollen o 63% dos ocupados. O sector turístico recibiu fortes investimentos de capital estranxeiro, sobre todo europeo e, en concreto, español. As áreas litorais concentran a maioría dos establecementos hostaleiros, pois a maior parte da demanda, constituída maioritariamente por turistas europeos, acode ao país para gozar das praias caribeñas, atraídos polas condicións climáticas favorables e os prezos accesibles para eles. Malia a gran dimensión do sector, as súas repercusións positivas sobre a economía dominicana limítanse case que exclusivamente á xeración de emprego, pois debido á procedencia estranxeira do capital, a maior parte dos beneficios extraídos desta actividade van parar aos investidores foráneos.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo deficitario. Os produtos agrícolas tropicais constitúen as principais partidas de exportación: azucre, café, cacao e tabaco; tamén os recursos naturais, pero mineiros (ferro, níquel e ouro), completan o abano de produtos que a economía dominicana achega ao exterior. En conxunto, as exportacións alcanzaron un valor en 1999 de 1.815 millóns $ USA. Pola contra, a ausencia dunha industria nacional obriga a importar toda clase de produtos manufacturados, tanto de equipamento como de consumo: produtos alimentarios, maquinaria, automóbiles, produtos farmacéuticos, etc. Ademais, a dependencia enerxética do exterior obriga a importar petróleo e derivados nunha proporción que representa o 25% das compras ao exterior. En total, as importacións alcanzaron un valor de 5.917 millóns $ USA en 1997. Venezuela, Mexico, Xapón e EE UU son os principais socios comerciais.
Transportes e comunicacións
A rede de estradas da República Dominicana suma un total de 12.600 km (1996), das que o 79% destas vías están asfaltadas. As insuficiencias da rede vense agravadas pola dispersión do hábitat e a fragmentación do relevo, de xeito que a moitas aldeas só se pode acceder a pé ou a cabalo. As liñas de ferrocarril, que en total suman 1.600 km, son propiedade das grandes compañías agrícolas e a rede está deseñada para dar servizo exclusivamente ás plantacións azucreiras. Os principais portos son Santo Domingo, Barahona, La Romana, na costa meridional, e San Felipe de Puerto Plata, no N do país.
Xeografía humana

Demografía

No período 1994-1999 o crecemento da poboación verificouse a un ritmo medio do 1,7% anual, como consecuencia dunha taxa de natalidade elevada (19,2‰ [1998]) e unha taxa de mortalidade xeral ínfima (2,7‰), debida en gran medida á xuventude da poboación, que é un dos trazos demográficos máis característicos da República Dominicana, onde máis do 36% da poboación é menor de 15 anos (1998); pola contra, os maiores de 65 anos non superan o 4%, nun país onde a esperanza de vida ao nacer é de 69 anos para os homes e 72 para as mulleres (1998). A mortalidade infantil é elevada (40‰ en 1998).
Poboamento
A densidade media da poboación é de 163,5 h/km2. A porcentaxe de poboación urbana é do 65%, como consecuencia do intenso movemento migratorio cara ás cidades experimentado na segunda metade do s XX. As principais concentracións están na capital e na súa área de influencia. Os principais núcleos de poboación son Santo Domingo (2.138.262 h [1993]), Santiago de los Caballeros (364.859 h [1993]), La Romana (132.834 [1993]), San Francisco de Macorís (129.943 h [1993]) e San Pedro de Macorís (123.987 h [1993]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A intensa mestizaxe da poboación dominicana reflíctese na súa composición étnica: un 16% da poboación é de orixe europea, un 11% de orixe africana e unha inmensa maioría, o 73%, son mulatos. A educación é gratuíta e obrigatoria entre os 5 e os 14 anos. A porcentaxe de analfabetos entre os adultos é do 16,2% (2000). En 1995, o número de alumnos escolarizados no ensino primario foi de 1.462.722, repartidos nas 4.000 escolas existentes no país. A taxa de escolarización no ensino secundario é do 54%. Os principais centros de ensino superior son a Universidad Autónoma de Santo Domingo, fundada en 1538, e a Universidad Pontificia que, fundada en 1962, ten a súa sede en Santiago de los Caballeros. A lingua oficial é o castelán, pero tamén se fala un crioulo do francés (o haitiano) e un crioulo do inglés (o samaná). Nas escolas apréndese como lingua estranxeira o inglés e o portugués é opcional no ensino secundario. Existe liberdade relixiosa, aínda que trala sinatura do concordato entre o Estado e o Vaticano (1954), a relixión católica converteuse en oficial, xa que daquela era a confesión do 94% da poboación. En 2001, a relixión católica mantiña o 88% da poboación entre os seus fieis, malia a introdución dende os EE UU doutras igrexas cristiás que, como a evanxélica, a baptista ou a adventista, desenvolven campañas misioneiras apoiadas financeiramente polos seus adeptos estadounidenses.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano elaborado polas Nacións Unidas en 1997 situaba a República Dominicana entre os países cun desenvolvemento humano medio, pois ocupaba o 87º posto, cun índice do 0,729. Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 70,9 anos o índice de alfabetización de adultos é do 82,8% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 70% e o PNB real por habitante (PPA) é de 4.598 $ USA.
Goberno e política
Trala proclamación da independencia o 27 de febreiro de 1844 converteuse nunha república. A Constitución do 28 de novembro de 1966 definiuna como un estado libre e independente. Hipólito Mejía, do Partido Revolucionario (PRD), gañou as eleccións presidenciais do 2000, aínda que só obtivo o 49,87% dos votos. A oposición decidiu darlle a súa confianza para non perturbar a paz social. O poder executivo correspóndelle ao presidente, elixido para un período de catro anos por sufraxio universal. O poder lexislativo recae no Congreso Nacional bicameral, formado polo Senado (30 membros) e a Cámara de Deputados (149 membros), elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos. O seu sistema xudicial baséase no Código Civil francés e ten como órgano máximo a Corte Suprema de Justicia, formada por dezaseis membros elixidos polo Consejo Judicial Nacional, composto á súa vez por membros do lexislativo e do executivo. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Protocolo de Roma para a Creación do Tribunal Penal Internacional; Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e a Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969); Convención Interamericana para Previr e Sancionar a Tortura (1985). Os partidos políticos máis importantes son: Partido Reformista Social Cristiano (PRSC, centro-dereita), Partido Revolucionario Dominicano (PRD, socialdemócrata), Partido de Liberación Dominicana (PLD, esquerda), Partido Revolucionario Independiente (PRI, socialdemócrata), Partido Comunista Dominicano (PCD, comunista), Partido Quisqueyano (PQD, conservador), Partido por la Alianza (APD), Fuerza Nacional Progresista (FNP, conservador), Movimiento de Conciliación Nacional (MCN, moderado), Movimiento de Integración Democrática (MIDA, centro-dereita), Partido Popular Dominicano (PPD, progresista). Forma parte da Organización dos Estados Americanos (OEA) e da ONU, ademais de ser un estado asociado á Unión Europea.
Historia

Época precolombina e colonización
Antes da chegada de Colón a illa denominábase Quisqueya, e estaba habitada por catro grupos indíxenas: lucayos, ciguayos, taínos e caribes, dedicados á pesca e á recolección. Naquela época os contactos entre as illas do arquipélago antillano e a costa continental eran frecuentes. Colón descubriu a illa na súa primeira viaxe de exploración, en decembro de 1492, e os descubridores puxéronlle o nome de La Española, e o forte La Navidad, construído cos restos da nao Santa María, foi o seu primeiro establecemento en América. Na súa segunda viaxe (novembro do 1493), Colón fundou a poboación de La Isabela e encomendoulle a Pere Margarit a conquista da illa. Convertida nunha base de expansión cara ás Antillas e cara ás terras continentais de América, La Española foi durante a primeira metade do s XVI centro de loitas internas entre os colonizadores e tamén entre estes e os indíxenas, que se resistían a someterse ao réxime de traballos forzados e de explotación tributaria. Santo Domingo, fundada en 1496, chegou a ser capital colonial. No 1500 tomou posesión da audiencia Francisco Bobadilla que, xunto con Nicolás de Ovando (1502-1508), instaurou na illa unha administración ordenada que lle permitiu consolidar a conquista. Esta tarefa interrompeuse cos gobernos de Diego Colón (1508-1512 e 1520-1523), ata que a audiencia de Santo Domingo se fixo cargo do goberno da colonia, no 1523. A elevada mortalidade experimentada polos indíxenas ao entrar en contacto cos europeos, obrigou a estes a recorrer axiña (a principios do s XVI) aos mercados de escravos africanos para abastecer de man de obra as explotacións mineiras e agropecuarias que se estableceron na illa. As minas de ouro dominicanas convertéronse nas máis rendibles das Antillas. En 1586, os corsarios ingleses de Francis Drake saquearon e incendiaron Santo Domingo, nun preludio da penetración na área occidental da illa dos piratas franceses, holandeses e ingleses, que se iniciou a principios do s XVII e concluíu cando a coroa española, en virtude do Tratado de Ryswick (1697), lle cedeu a Francia a parte máis occidental da illa; pero en 1795, os franceses ocuparon o resto da illa. A parte occidental, Haití, accedeu á independencia en 1804; sen embargo, a parte oriental permaneceu baixo dominio francés ata 1809, data na que o crioulo Sánchez Ramírez restableceu a soberanía española.
Independencia e creación da República
En 1821, os dominicanos, encabezados por José Núñez de Cáceres, proclamaron a independencia de España. Ao ano seguinte toda a illa foi ocupada polos haitianos, que prolongaron a súa presenza ata o 27 de febreiro de 1844, data na que os dominicanos proclamaron a segunda independencia e Pedro Santana se converteu no seu presidente. O novo estado superou un intento español de recuperar a soberanía da illa (1861-1865) e tamén unha tentativa de anexión protagonizada polos EE UU, que foi rexeitada no 1871. A penetración dos intereses estadounidenses iniciouse cando se estableceu en Santo Domingo o matrimonio Cazneau (1854), que mercou unha gran parte das terras da República e tentou convertelas en base de aprovisionamento dos exércitos confederados durante a Guerra de Secesión. A política do Presidente Ulises Heureaux (1883-1899) significou un forte estímulo para a actividade económica do país, que iniciou un proceso industrializador co establecemento das primeiras fábricas e a inauguración da primeira liña do ferrocarril. Tamén se creou o primeiro banco nacional, á vez que se introduciron técnicas agrícolas innovadoras. Malia os esforzos lexislativos e gobernamentais, as repercusións daquel conxunto de medidas víronse limitadas pola corrupción xeneralizada na administración pública e pola submisión da clase política aos intereses das empresas e do goberno dos EE UU.
Ocupación estadounidense e gobernos ditatoriais
En 1916, ante a crise política e social da República e o crecente sentimento da poboación contra os estadounidenses, estes ocuparon o territorio dominicano coa intención de defender os intereses das súas compañías. A dominación norteamericana (1916-1924) estableceu un réxime político represivo, afirmado coa creación da Guardia Nacional, corpo policial da súa confianza. En 1930, catro anos despois da retirada estadounidense, Rafael Leónidas Trujillo tomou o poder e iniciou un período ditatorial que concluíu cando foi asasinado en 1961. As eleccións do ano seguinte déronlle o triunfo ao líder opositor Juan Bosch, pero un golpe de estado militar obrigouno a exiliarse en 1963. Un intento para restaurar o goberno de Bosch en 1965 foi reprimido pola intervención militar dos EE UU. Tralas eleccións de 1966 accedeu á presidencia da República Joaquín Balaguer, antigo colaborador da administración de Trujillo. O presidente Joaquín Balaguer e o Partido Reformista, fundado por el mesmo, gañaron as eleccións de 1970 e 1974.
Alternancia política e recesión económica

En 1978, o Partido Revolucionario Dominicano (PRD) de tendencia socialista moderada, gañou as eleccións presidenciais. O seu líder, Silvestre Antonio Guzmán, sucedeu a Balaguer e principiou reformas políticas, administrativas e económicas. En maio de 1982, realizáronse simultaneamente eleccións lexislativas e presidenciais, nas que resultou gañador o PRD. O seu representante, Jorge Salvador Blanco, asumiu en agosto de 1982 a presidencia da República. Tralas eleccións de 1986 Balaguer, candidato do Partido Reformista Social Cristiano (PRSC), recuperou o poder e puxo en marcha unha campaña anticorrupción que incluíu acusacións formais contra o propio ex-presidente Blanco (1987). O país entrou nunha gran recesión económica que se reflectiu nunha importante caída das exportacións e nun crecemento alarmante da débeda externa e da inflación, situación que obrigou ao goberno a adoptar un conxunto de medidas drásticas (coma o racionamento dos combustibles) que desencadearon unha serie de protestas alentadas polas forzas políticas opositoras e as organizacións sindicais. Malia o descontento popular pola crise, Balaguer foi reelixido nas eleccións de 1990. A principios dos noventa a conflitividade no ámbito laboral foi en aumento, o que deu lugar á convocatoria de folgas xerais e á masiva emigración da poboación dominicana, fundamentalmente cara aos EE UU e España. En 1994, Balaguer, con 87 anos, presentouse á reelección e obtivo de novo a vitoria. Debido ás denuncias de fraude dos observadores internacionais, Balaguer acordou co líder opositor Peña Gómez, do PDR, celebrar outras eleccións, que tiveron lugar en xuño de 1996 e deron a vitoria a Leonel Fernández Reyna, do Partido de la Liberación Dominicana (PLD). Fernández Reyna emprendeu unha política de austeridade económica que tivo como resposta a continuidade das folgas e manifestacións durante 1997 e 1998. Trala celebración dos comicios de maio de 2000 ocupou a presidencia o socialdemócrata Hipólito Mejía.