Donato/Donata

Donato/Donata
[ONOM]

Antropónimo masculino procedente do latín donatus ‘doado, regalado’, que aparece en textos de carácter relixioso, derivado do verbo donāre ‘dar’. Presenta as variantes Doado e Doada, formas das que procede o topónimo Doade (parroquia de Sober e Lalín). Como nome persoal documéntase no s VIII: “Donato” (doc ano 788 en Manuel Lucas Álvarez, “La colección diplomática del Monasterio de San Lorenzo de Carboeiro”, Compostellanum III, 2, 1958, 240). Levaron este nome: Donato de Cartago (270-355?), bispo en Numidia; san Donato de Arezzo, bispo e mártir durante a persecución de Xuliano o Apóstata no 352; san Donato de Münstereifel (Alemaña), que se invoca contra os lóstregos e os tronos; e san Donato (s IX), bispo de Fiésole, que se celebra o 22 de outubro en toda Irlanda. San Donato é titular dunha parroquia e celébrase o 17 de febreiro. Pode funcionar como apelido patronímico insufixado. Como apelido atéstase xa no s VIII: “Ego Donatus” (doc ano 760 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 147).

Palabras veciñas

donativum | Donato | Donato de Cartago | Donato/Donata | Donatoni, Franco | Donau | Donau