Dos arquivos do trasno

Dos arquivos do trasno
[LIT]

Libro de relatos da autoría de Rafael Dieste, o único que publicou en lingua galega. Os vinte relatos que o conforman escribíronse ao longo de case trinta anos e publicáronse por separado en circunstancias diversas ata que, tras numerosas modificacións, se recolleron en libro. A primeira edición imprimiuse nos talleres do xornal El Pueblo Gallego en 1926 co subtítulo Contos do monte e do mar, desaparecido en posteriores edicións, e incluía oito contos: “Encol da morte do Bieito”, “De cómo se condanóu o Ramires”, “A lenda da vella Lusca” (titulado na segunda edición “O regreso” e na terceira “A volta”), “A luz en silenzo”, “Hestoria dun xoguete”, “O vello moreno”, “O vagamundo” e “O vello que quería vélo tren”. A segunda edición apareceu en 1962 da man de Galaxia e incorporou dez novos relatos, catro deles constituíran o apéndice da peza teatral A fiestra valdeira (1927) -“O neno suicida”, “Na morte de Estreliña”, “Espanto de nenos” e “O grandor do mundo”- e cinco publicáronse en El Pueblo Gallego, nalgúns casos con variacións textuais e de títulos -“O drama do cabalo de axedrez”, “O fillo do navegante” (precedente de “Nova York é noso”), “Loita e fito” (precedente de “Na ponte de ferro”), “Dos arquivos do trasno. Once mil novecentos vinte e seis” e “Na fala dos navegantes. O caso dos tres fornos”-, e, finalmente, incorpórase “Pampín” que debe ser desta mesma época. Por último, “De como veu a Rianxo unha balea” e “Un conto de reis” escribíronse no exilio; o primeiro nos anos corenta na revista bonaerense Rianxo e o segundo na etapa británica para ser radiado pola BBC o día de Reis de 1951. A terceira edición e definitiva, disposta polo autor, apareceu en 1973 da man de Galaxia, con algunhas modificacións morfolóxicas e ortográficas e mesmo ampliacións, como é o caso do relato “Espanto de nenos”, recuperado na segunda edición e amplamente reconstruído e ampliado na versión de 1973. O libro vai encabezado dende a súa primeira aparición cun “Limiar” composto por seis aforismos que constitúen a poética diesteana sobre o conto, que se centra, fundamentalmente, no acto da lectura e nas seguintes dúas premisas básicas: a consecución da unidade emotiva e a xeración do relato dende o seu final, punto este no que insisten a metade dos aforismos. Os contos caracterízanse pola brevidade, coidado lingüístico e estilización de fórmulas e elementos populares, en particular dos pertencentes ao terreo do sobrenatural e misterioso. O ambiente suxire as xentes da ribeira e os arredores da vila de Rianxo, malia as escasas referencias concretas á mesma e á práctica inexistencia de descricións que, de existir, son breves e impresionistas. Só tres relatos se sitúan de xeito explícito nun lugar concreto: “Na ponte de ferro”, “De cómo veu a Rianxo unha balea” e “Once mil novecentos vinte e seis”, localizados, respectivamente, nun porto do Golfo de México, na ría de Arousa e no lugar deixado por Compostela tras dez mil anos de civilización. Tamén podería identificarse a taberna urbana de “Un conto de reis” e “O taboleiro de axedrez. O vello Moreno”, “O neno suicida”, “O caso dos tres fornos” e “Un conto de Reis”, comparten o ámbito social da taberna como lugar de encontro da colectividade. A modalización narrativa presenta riqueza de recursos e técnicas que abren novas perspectivas no relato galego. En dez dos contos predomina a modalización en terceira persoa, un total de nove constrúense en primeira persoa e un único conto, “O drama do cabalo de axedrez”, recorre ao modo dramático, caracterizado pola ausencia da voz dun narrador e a súa substitución polo parlamento directo dos personaxes. O tempo da historia de cada relato adoita ser reducido e ás veces sábese por especificacións explícitas que abrangue ao redor de varias horas. Tan só en “O grandor do mundo” e “Once mil novecentos vinte e seis” incorpora elipses de varios anos e en “O neno suicida” recupérase nun sumario toda unha vida transcorrida en sentido inverso ao usual a partir de 1830. A emigración (presente en cinco relatos), a ausencia ou separación por causa do mar (en dous) e a vivencia da morte (en sete) configuran os eixes temáticos fundamentais que protagonizan personaxes de estamentos sociais humildes (mariñeiros, fogoneiros, caporais, labregos, taberneiros, emigrantes ou vagabundos), aínda que non falta a figura do indiano enriquecido ou do herdeiro que vén da cidade. Abondan os personaxes de idade avanzada que teñen como contrapunto os nenos que, nalgún caso, se converten en protagonistas. A terceira e definitiva edición tivo dúas reimpresións (1982 e 1985) na colección Biblioteca Básica da Cultura Galega, de Galaxia. En 1989 apareceu unha edición bilingüe galego-castelá realizada por César Antonio Molina, en 1988 unha edición facsímile no volume II de Suplemento Nós e en 1995 recolleuse nas Obras Completas (I) do autor en edición de Arturo Casas e Darío Villanueva.

Palabras veciñas

Dorycnium | DOS | Dos anxos e dos mortos | Dos arquivos do trasno | dos caiciños, o | Dos Hermanas | Dos Passos, John