Dous Pedros, Guerra dos

Dous Pedros, Guerra dos

Conflito armado entre Pedro I o Cruel e Pedro IV o Cerimonioso de Aragón que tivo lugar entre 1356 e 1369. Entre outras causas, orixinouse polas pretensións expansionistas do monarca aragonés, que desexaba incorporar Murcia aos seus territorios e acadar o dominio do Mediterráneo occidental. Para acadalas, Pedro IV apoiou as pretensións ao trono castelán do bastardo Enrique de Trastámara. Nunha primeira campaña (1356-1357), os casteláns apoderáronse de Tarazona, pero durante a segunda (1359-1360) fracasaron nun ataque naval contra Barcelona en xuño 1359. Trala efémera Paz de Deza (1361), a terceira campaña (1362-1363) iniciouse co ataque de Pedro I ás fronteiras de Aragón e a conquista de Calatayud, Terol e Morvedre. O equilibrio entre ambos os grupos deu lugar ao Tratado de Morvedre (1363). Contando co apoio das tropas mercenarias francesas encadradas nas Compañías Brancas de Bertrand du Guesclin dende 1365, Enrique de Trastámara invadiu Castela, a excepción de Galicia, e foi proclamado rei en Calahorra en marzo de 1366. Pedro I recibiu o apoio de Eduardo III de Inglaterra, que enviou tropas dirixidas polo príncipe de Gales que derrotaron a Enrique en Nájera (1367). Non obstante , Enrique volveu a Castela en 1367 e derrotou definitivamente a Pedro I en Montiel, en marzo de 1369.

Palabras veciñas

Douro Litoral | Dous de Maio, O | dous de sempre, Os | Dous Pedros, Guerra dos | dous, dúas | 2 douscentos | douscentos, duascentas