Doval

Doval
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica formado sobre a base léxica val e mais a preposición de (neste caso coa forma do, resultado da contracción co artigo masculino o) indicadora de lugar de procedencia, residencia ou nacemento do individuo a quen se lle aplicou na súa orixe. Documéntase no século XIII: “Petro do Uale” (doc ano 1262 en Manuel Lucas Álvarez/P. Lucas Domínguez, San Pedro de Ramirás. Un monasterio femenino en la Edad Media. Colección diplomática, 1988, p 344). Adoita presentar un -b- non etimolóxico: Dobal.

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que leva como armas un escudo cuarteado: primeiro e cuarto, en campo de goles, cun brazo armado de prata, movente do flanco sinistro, empuñando unha espada; segundo e terceiro, en campo de azul, cun pau de ouro.