Dozón

Dozón


Concello da comarca de Deza, situado na provincia de Pontevedra no centro da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e ao O co concello de Lalín, ao S cos de Piñor e O Irixo (da comarca do Carballiño) e ao L co de Rodeiro. Abrangue unha superficie de 74,2 km 2 cunha poboación de 1.710 h (2007) distribuídos nas parroquias de Bidueiros, O Castro, Dozón, As Maceiras, Saa, Sanguiñedo, O Sisto e Vilarello. A capital municipal é o lugar do Castro, na parroquia homónima, situado a 42° 34’ de latitude N e a 8° 2’ de lonxitude O, 73 km ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Lalín e á diocese de Lugo.
Xeografía física
A característica máis destacable do medio físico no concello de Dozón é a súa condición montañosa. Situado na vertente O da Dorsal Occidental Galega, nos contrafortes das serras do Faro e dos montes do Testeiro, a altitude media é superior os 740 m. O teito do concello constitúeo a Pena de Francia, de 914 m. Tamén destacan os montes Cubelos (833 m) e a Gándara (870 m). Estas elevacións forman a divisoria das augas das concas do Miño e do Ulla; o principal colector do concello é o río Asneiro, afluente do Deza. O relevo e a altitude inflúen en gran medida nas características climáticas. Así, Dozón inclúese nunha área baixo un dominio climático oceánico moi continentalizado. As precipitacións, debido ao efecto pantalla que exercen as elevacións da Dorsal sobre as masas de aire húmidas de compoñente O procedentes do océano, son moi elevadas e superan os 1.200 mm anuais. As temperaturas amosan as influencias oceánicas cunha temperatura media anual suave, non superior aos 15°C; sen embargo, a elevada altitude media tradúcese en invernos rigorosos, nos que as temperaturas medias poden baixar ata os 5°C, feito que eleva a amplitude térmica anual a máis de 12°C.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Dozón durante o s XX caracterizouse por continuos altibaixos. Entre 1900 e 2007 pasou de 2.750 h a 1.923 h. A incidencia da masiva emigración americana supuxo un continuo descenso ata 1930, que non puido compensar o elevado incremento vexetativo, propio dunha sociedade inmersa nun réxime demográfico antigo, no que as estratexias de control voluntario da natalidade se reducían a métodos naturais. Entre 1930 e 1960 experimentouse un lixeiro incremento, debido á interrupción dos fluxos emigratorios polo cesamento da demanda de man de obra nos países tradicionalmente receptores, inmersos nunha prolongada crise, primeiro económica (crack de 1929) e, con posterioridade, ben directa ou indirectamente, bélica (Segunda Guerra Mundial). Deste xeito, en 1960 acadou o máximo poboacional de toda a serie censual, ao chegar aos 2.929 h. Dende ese ano, a reactivación das correntes emigratorias, que daquela mudaron os destinos principais cara ás cidades máis desenvolvidas de Galicia e do resto de España, e os países industrializados da Europa Occidental, significou o inicio dun período de forte descenso, que concluíu na cata censual de 1981, cunha perda do 15%. En 1996 a poboación ascendeu a 2.538 h, sen embargo no censo de 2001 volveu a perder poboación e situouse en 1.710 h para no padrón de 2007 remontar ata os 1.923 h. A estructura por idades reflicte unha poboación avellentada, na que os maiores de 65 anos representan o 30% da poboación, fronte só ao 14,9% dos menores de 20 anos; o grupo intermedio representa o 61,1%. O crecemento natural (2006) é negativo, -7,4‰, cunha taxa de natalidade baixa, 2,1‰, e unha mortalidade elevada, 9,5‰. Na distribución da poboación por sexos dominan lixeiramente as mulleres, 51,27% fronte ao 48,72% de homes. O poboamento está moi espallado, cun total de 55 entidades de poboación. Destaca a capital municipal, O Castro (na parroquia homónima).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Dozón é do 50,6% (58,1% a masculina e 43,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 46,3% (54,2% a masculina e 39% a feminina) e a taxa de paro é do 8,9% (6,7% a masculina e 10,7% a feminina). O sector agropecuario constitúe a base económica de Dozón, pois xera o 46,1% dos empregos dos traballadores residentes no concello. Malia a súa grande importancia, cómpre salientar o importante descenso que experimentou a porcentaxe de ocupados no sector nas dúas ultimas décadas do s XX, pois en 1981 o emprego agrario acollía o 90,6% dos traballadores. Dentro do sector destaca especialmente a gandería bovina, que impuxo a súa hexemonía sobre os armentíos ovino e porcino. A especialización no gando vacún de orientación láctea foi unha estratexia para elevar o nivel de rendibilidade das explotacións para pasar dun modo de produción precapitalista, de autoconsumo, a outro plenamente dirixido ao mercado. A agricultura está en función da gandería, e gran parte das terras dedícanse a pastos ou cultivos forraxeiros. Tamén, os traballadores doutros sectores practican unha agricultura a tempo parcial, de xeito que perviven os cultivos tradicionais de millo, patacas e outras especies, así como a cría de gando porcino e as aves de curral, que constitúen un importante complemento para as rendas familiares. Ás actividades pesqueiras dedícanse o 1,3% dos traballadores. A industria acolle o 12,2% dos ocupados residentes no concello, aínda que, debido á practicamente nula presencia de establecementos industriais, a inmensa maioría desenvolven a súa actividade en empresas instaladas nos polígonos do veciño concello de Lalín. A construción, pola súa banda, xera o 10,5% dos empregos. En segundo lugar, en canto ao volume de man de obra empregada, sitúase o sector terciario, no que traballan o 29,8% dos ocupados. Polo que respecta ás vías de comunicación, a estrada nacional N-525 é a que vertebra as comunicacións do concello, que o une con Santiago de Compostela, Silleda, Lalín e Ourense, ademais da autopista AP-53 que une Santiago con Ourense.
Historia
Os máis antigos testemuños de asentamentos humanos localizados neste concello foron as mámoas. Consérvase algún castro, como o situado na parroquia do Castro que mantén elementos arquitectónicos e proporcionou, entre outros, fragmentos de cerámica e muíños. A presenza de elementos materiais e arquitectónicos romanos, como restos de mosaicos e cerámicas, partes dunha ponte ou unha calzada romana, o chamado Camiño Vello, en dirección a Lugo, denominada Camiño Vello, permiten establecer unha continuidade no poboamento. Os datos sobre o concello durante a Idade Media son escasos. No 1124, Guntrode Suárez, viúva de Paio Martínez, fundou o mosteiro benedictino de San Pedro coa axuda económica do Rei Afonso VII. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integraban o concello pertenceron ás xurisdicións de Deza (Sanguiñedo e O Sisto) e Dozón, que formaban parte da antiga provincia de Lugo. A xurisdición de Deza era un señorío do conde de Lemos, mentres que a de Dozón era de reguengo. En aplicación da Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812, suprimiuse a administración señorial e substituíuse por unha nova administración municipal, que se concretou neste territorio no establecemento dos concellos de Saa e A O, adscritos ao partido xudicial de Lalín e á provincia de Galicia. En 1814, o Rei Fernando VII asinou un decreto que derrogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime, feito que significou a desaparición deses dous concellos e o regreso á organización señorial. Non obstante , ao triunfar o levantamento do coronel Riego en 1820 rehabilitouse o réxime constitucional e con el as súas institucións municipais, que tiveron un novo período de vixencia, prolongado ata 1823. Nesa data, o Rei Fernando VII decretou por segunda vez a derrogación da Constitución e a restauración do réxime señorial. Naquel trienio liberal produciuse a incorporación de ambos os dous concellos (Saa e A O) na provincia de Vigo (1822). A definitiva instauración do municipalismo tivo lugar tralo pasamento de Fernando VII. En 1836 creouse o concello de Dozón. A única alteración que dende aquela sufriron os seus límites foi a incorporación de dous lugares da parroquia de Bidueiros (A Pallota e Roiriz), que nun principio e ata 1852 foron incluídos no territorio do veciño concello de Rodeiro. Ademais, a Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia dictaminou no seu nomenclátor de 1998 que a parroquia da O pasara a denominarse O Castro e deste xeito adoptou o nome da súa cabeceira.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan no eido da arquitectura relixiosa a igrexa de Santa María de Dozón, de orixe románica con influencias do gótico, reformada durante o Barroco. Na mesma parroquia está a igrexa do convento beneditino de San Pedro de Vilanova. Fundado no s XII, a igrexa dátase cara ao 1225. A igrexa de San Xoán do Sisto (s XVI) conserva no interior pinturas murais que representan o ciclo da paixón e que se lle atribúen ao mestre do Sisto. Consérvanse os restos dos postos de feira do s XVIII na Gouxa (Bidueiros). Entre as festas que se celebran destacan as de San Xoán en Dozón e San Pedro no Sisto, en xuño; as de San Salvador no Castro e as de San Bertomeu, en agosto; e a romaría da Virxe da Pena de Francia, o primeiro domingo de setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Deza
Extensión 74 Km2
Poboación Total 1923 h
Poboación Homes 937 h
Poboación Mulleres 986 h
Densidade de poboación 25.99 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias