drago
(< lat draco)
Herbácea de porte arbóreo do xénero Dracaena, da familia das liliáceas, ao que pertencen unhas 80 especies de distribución subtropical e tropical, presentes en selvas e sabanas das rexións holártica, paleotropical, neotropical e australiana. Na rexión macaronesia -Canarias, Madeira e Cabo Verde- está presente a especie endémica D. drago, de ata 18 m de altura; toro fortemente engrosado, sen ramificar ou con ramificación dicótoma, con restos de cicatrices, en forma romboidal, que ofrecen un deseño similar á pel dun gran réptil ou dragón; follas lanceoladas e moi agudas que acadan os 90 cm de lonxitude e 3 cm de ancho, verde azuladas, coa base vermella, dispostas en grupos apertados no extremo dos talos; flores trímeras de cor crema, moi aromáticas, dispostas en acios e que non aparecen na planta antes dos 15 anos de idade; froitos esféricos, carnosos, de cor laranxa e de ata 3 cm de diámetro, cunha soa semente. Son árbores de gran lonxevidade, de máis de 1.000 anos, que subsisten de xeito espontáneo en ladeiras de forte pendente e acantilados insulares. O zume, denominado sangue de dragón, foi apreciado no pasado polas súas calidades medicinais, e chegóuselle a atribuír propiedades máxicas e protectoras. Tamén se empregou para obter madeira do tronco e fibras para fabricar cordas coa cortiza e tinte co seu zume. En Galicia están presentes en numerosos parques e xardíns como árbore ornamental ou como plantas de interior.