droga

droga

(

  1. s f

    Calquera substancia empregada como ingrediente en química, farmacia ou tinturería.

    Ex: Elaborou o preparado mesturando varias drogas.

  2. s f [MED]

    Cada un dos principios activos presentes en vexetais, como alcaloides, aceites esenciais, saponinas ou substancias purgantes, ou en animais, tales como castóreo, almiscre ou cantaridina que, convenientemente preparados e conservados, se empregan en terapéutica e experimentación. A miúdo estas substancias se empregan en forma de preparacións galénicas, como infusións, extractos ou tinturas.

  3. [MED]
    1. s f

      Cada unha das substancias que, por mor da súa estrutura química semellante á de determinados neurotransmisores, actúan sobre o sistema nervioso central de xeito que alteran o estado de ánimo, a percepción e o coñecemento, e que a miúdo producen dependencia. Distínguese popularmente entre drogas duras, que crean dependencia física e psíquica, e drogas brandas, que non comportan dependencia física, aínda que esta delimitación é difícil de establecer. As drogas máis empregadas polos toxicómanos pódense clasificar, segundo os seus efectos, do xeito seguinte: substancias volátiles, como o éter, o tricloroetileno, as colas, os disolventes e outros, que lles producen a quen as aspira un estado de embriaguez e que teñen efectos nocivos de tipo mental e orgánico, xa que afectan a pulmóns e riles; substancias estimulantes do sistema nervioso, como as anfetaminas ou a cocaína, que producen euforia e un aumento do rendemento e da capacidade de acción, pero que son moi perigosas polas depresións que causa a súa ausencia e porque poden conducir a estados psicóticos; substancias depresoras do sistema nervioso, é dicir, opiáceos e opioides, barbitúricos e outros tranquilizantes, que ao principio producen un gran benestar e sensación de tranquilidade e despreocupación total, pero que causan rapidamente tolerancia e unha dependencia física e psiquíca moi forte; e, finalmente, substancias psicodélicas ou alucinóxenas, das que as máis importantes son o LSD-25, a mezcalina e a psilobicina, entre outras, que producen distorsión perceptiva e unha gran produtividade imaxinativa, pero, co tempo poden facer aparecer psicoses latentes. Os derivados do cánabo indio, como a marihuana e o haxix, poderían entrar neste útimo grupo, aínda que hai que tomalos en grandes doses para que aparezan os efectos psicodélicos; normalmente, producen certa euforia, seguida de relaxación, mentres se altera a percepción do tempo e do espacio, e a coordinación dos movementos. Finalmente, tamén se consideran drogas, pola dependencia psíquica que producen, o tabaco e o alcol.

    2. droga de deseño

      Substancia que, por medio de lixeiras modificacións químicas doutra que se toma como punto de partida, consegue certas peculiaridades na súa acción farmacolóxica. Este tipo de drogas fabrícanse en laboratorios clandestinos e, aínda que non están rexistradas como ilegais, tanto fabricantes como consumidores aproveitan o baleiro legal provocado pola súa novidade para a comercialización e consumo sen control. Esta denominación creouna na década de 1960 Gary Henderson, farmacéutico da Universidade de California.