Drosophila
Xénero de dípteros, da suborde dos braquíceros, que abrangue máis de 1.000 especies que se desenvolven, moitas delas, en froitos en descomposición. Na fase adulta preséntanse como moscas de voo lento que miden entre 2 e 4 mm. A especie máis popular é a D. melanogaster, de ata 1,5 mm de lonxitude, de cor agrisada ou negra e ollos vermellos. Desenvólvese en froitas moi maduras ou sobre os pousos do viño ou vinagre que poidan quedar nas pipas ou botellas. O seu ciclo vital (ovo-larva-pupa-adulto) tarda en completarse entre 10 e 15 días en función da temperatura. Na década de 1920, Thomas Hunt Morgan comezou a traballar con este animal na experimentación xenética. Os motivos desta elección foron, entre outros, a facilidade de cultivo; o pequeno tamaño do animal; a xeración moi rápida (10 días a 25°C e 20 días a 18°C); a presenza de catro cromosomas; facilidade no cartografado dos xenes en mapas citolóxicos; a obtención de moscas con gran facilidade e a posibilidade de mutación para case calquera proceso biolóxico recoñecible. As mutacións máis comúns son: a mutación recesiva do cromosoma 2 que orixina moscas con alas vestixiais; a mutación dominante do cromosoma 2, que en homocigose se volve mortal, dá lugar a moscas con alas reviradas; a mutación no cromosoma sexual X dá lugar a moscas amarelas; e a mutación no cromosoma 3 dá lugar a moscas negras. Ademais coñécense outras mutacións que orixinan moscas con ollos laranxas, ollos brancos ou con patas en lugar de antenas. As investigacións serviron para demostrar experimentalmente a teoría cromosómica da herdanza e facer estudios sobre as aberracións cromosómicas da selección natural, da deriva xenética e da heterose. O seu xenoma completo, formado por 13.600 xenes, conseguiu secuenciarse no ano 2000 e os resultados depositáronse nunha base de datos de acceso libre. Esta base é esencial para a investigación xenética, con importantes implicacións no desenvolvemento tecnólóxico da medicina, como a investigación da multiplicidade de xenes que interveñen simultaneamente na transdución de sinais que regulan os procesos celulares (vitais en terapias, como os tratamentos dos cancros).