Drury Lane Theatre

Drury Lane Theatre

Teatro londinense antigamente denominado Teatro Real. O actual edificio é o cuarto en ocupar a mesma situación, en Bridges Street. O primeiro, denominado Theatre Royal, foi construído en 1663 por Thomas Killigrew para acoller a compañía The King’s Men, que posuía unha das dúas patentes para representar espectáculos teatrais, mentres a outra era dos propietarios do Covent Garden. Foi destruído por un incendio, pero en 1674 Christopher Wren levantou un novo teatro. Á súa fronte situouse, en 1747, David Garrick, un dos actores máis célebres do teatro inglés da época, que realizou unha fonda transformación dos métodos de realización e produción. Converteu o Drury Lane nun dos referentes da incorporación dunha incipiente tecnoloxía teatral. En 1776 a patente e a dirección do teatro pasaron a mans de Richard Brinsley Sheridan, quen construíu un novo edificio en 1794, cunha capacidade para 3.600 espectadores, tamén destruído nun incendio en 1809. O actual edificio foi inaugurado en 1812, e foi o primeiro teatro inglés en introducir a iluminación de gas (1817). A partir da segunda metade do s XIX, o teatro especializouse en grandes espectáculos musicais.

Palabras veciñas

drupéola | drupífero -ra | drupiforme | Drury Lane Theatre | Drury, Edward Alfred Briscoe | drusa | Drusila