Dúas Rosas, Guerra das

Dúas Rosas, Guerra das

Conflito dinástico que enfrontou as dúas ramas da casa Plantagenet, Lancaster e York pola sucesión ao trono de Inglaterra, entre 1455 e 1485. A primeira das ramas adoptou como emblema unha rosa vermella e a segunda unha rosa branca. Ricardo, duque de York, intentou usurparlle o poder ao Rei Enrique VI, da casa de Lancaster, pero foi vencido en Wakefield (1460), onde morreu. O seu fillo Eduardo conseguiu unha vitoria decisiva en Towton (1461), trala que se fixo coroar rei co nome de Eduardo IV de York (1461-1483). Á morte de Eduardo abriuse un período de rexencia que ocupou o seu irmán Ricardo, quen acabou por usurpar o trono, e foi coroado co nome de Ricardo III (1483). Enrique Tudor, herdeiro dos Lancaster, apoiado polos lexitimistas e por Francia, desembarcou en Gales e derrotou a Ricardo III en Bosworth (22.7.1485). Así, Enrique VII proclamouse rei e comezou a nova dinastía dos Tudor que se consolidou tralo seu casamento con Isabel de York (filla de Eduardo IV).