Dumbría
Concello da comarca de Fisterra, situado na provincia da Coruña no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos municipios de Vimianzo (Terra de Soneira) e Muxía (Fisterra), ao S con Mazaricos (Xallas) e Carnota (Muros), ao L con Vimianzo e Mazaricos e ao O con Cee e Muxía. Abrangue unha superficie de 124,65 km 2 cunha poboación de 3.890 h (2007) distribuídos nas parroquias de Berdeogas, Buxantes, Dumbría, O Ézaro, Olveira, Olveiroa e Salgueiros. A capital municipal, o lugar de Dumbría, está situada a 43° de latitude N e 9° 6’ de lonxitude O, 85 km ao SO da Coruña e 79 km ao O de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Corcubión e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Dumbría está enmarcado baixo o dominio climático oceánico húmido, na transición entre tres tipos diferentes: o do litoral atlántico do NO, o das Rías Baixas e o das plataformas occidentais. Así, as súas características fundamentais son a elevada pluviosidade (debido ao ascenso das masas de aire oceánicas ao entrar en contacto co continente) e a suavidade térmica. O réxime pluviométrico presenta unha concentración das chuvias entre outubro e febreiro, cun claro máximo no inverno, estación na que se recollen o 34% das precipitacións anuais. Pola contra, nos meses do verán rexístranse tan só o 11% das chuvias do ano, feito que provoca un significativo déficit hídrico en xullo e agosto. Non obstante , o outono e a primavera adoptan neste aspecto o carácter de estacións de transición, respectivamente co 29% e co 26% das precipitacións. As chuvias distribúense durante unha media de 150 xornadas ao ano. As temperaturas presentan unha media de 14°C nas terras máis baixas e próximas ao mar, mentres que no interior, topograficamente máis elevado, redúcense aos 12,5°C. As mínimas, moi suaves, rexístranse en xaneiro, cuns 10°C na costa e 9°C no interior. As máximas tampouco son moi altas (19°C e 18,5°C, respectivamente). O risco de xeadas é escaso, aínda que nas áreas máis elevadas non son infrecuentes no inverno. O relevo de Dumbría é froito dunha litoloxía dominante de tipo granítico sobre a que actuou a tectónica herciniana favorecendo a formación dunha topografía moi accidentada. Na área central do municipio acádanse as maiores altitudes, nos compartimentados montes de Buxantes (Alto da Cruz, 533 m; Barreiros, 539 m; Cruz de Cabral, 521; Sino, 414 m e Corbaliza, 472 m). Este macizo granítico actúa como divisorio das augas das tres concas hidrográficas que drenan o concello: a do Xallas, que circula polo extremo meridional servíndolle de límite, dende o encoro da Fervenza ata a súa desembocadura no Ézaro, á que desaugan todos os regatos do S; a do Castro, que no extremo NO serve de fronteira con Muxía, e vai cara a ría de Lires; e a do Brens, pequeno río que descende polo val de Buxantes cara á ría de Corcubión. O río Xallas, cunha canle encaixada nas fracturas, froito dos movementos tectónicos locais, presenta unha desembocadura única en Europa, xa que se precipita nunha fervenza, O Cadoiro, de preto de 100 m de altitude sobre a enseada do Ézaro, ao pé do monte Pindo, formando na súa base un pozo de máis de 16 m de profundidade, feito pola forza da caída da auga. Este excepcional fenómeno xeomorfolóxico non se pode contemplar en toda a súa magnitude por mor da desviación do caudal para o aproveitamento eléctrico.
Xeografía humana
O concello de Dumbría non posúe ningún núcleo urbano. A súa poboación aséntase fundamentalmente nos vales dos numerosos ríos e regatos que sucan o territorio, e na estreita franxa costeira que posúe, onde se sitúa a entidade máis importante, O Ézaro. A evolución demográfica que experimentou Dumbría no s XX caracterizouse pola alternancia de períodos de crecemento positivo e negativo, cun balance final que indica un notable incremento, superior ao 51% entre 1900 e 1996. O crecemento foi moderado ata 1920 (cunha media do 0,28% anual), sustentado nun forte crecemento vexetativo que lograba contrarrestar a elevada corrente emigratoria cara a América. No período intercensual comprendido entre 1920 e 1930, en cambio, rexistrouse un leve declive demográfico (-0,19% de media anual) que coincidiu coa máxima forza do fluxo emigratorio exterior. A partir de 1930 e ata 1960 a poboación medrou de xeito continuo e a un forte ritmo (1,27% cada ano), de xeito que nesa última data a poboación de Dumbría acadou o seu máximo histórico, con 5.281 h. O cesamento da emigración respondeu a dous factores de índole distinta: nun primeiro momento, os fluxos emigratorios detivéronse bruscamente debido ao contexto de crise económica e bélica no que estiveron inmersos, directa ou indirectamente, os países tradicionalmente receptores (crack da bolsa de 1929 e Segunda Guerra Mundial); ademais, a localización en Cee dun pequeno núcleo industrial ao redor da fábrica de Carburos Metálicos proporcionou novas oportunidades de emprego no seu contorno inmediato. A partir daquela, e ata 1991, experimentouse unha intensa diminución da poboación, que o levou a perder unha cuarta parte da súa poboación (24,88%) ata chegar aos 3.967 h. A merma demográfica non seguiu o mesmo ritmo durante todo este período, sendo moi forte no intervalo 1960-1970 (-1,39% de media anual), en coincidencia coa irrupción dun gran fluxo emigratorio, dirixida fundamentalmente aos principais centros urbanos e industriais de Galicia, España e Europa Occidental. Durante os anos setenta, o descenso diminuíu moito (-0,29% anual) diante das perspectivas de traballo que existían na comarca, coa boa conxuntura económica das industrias de Cee, e a creación dunha planta de Carburos Metálicos en Dumbría. A forte crise que xurdiu nestas empresas no decenio seguinte e a regulación de persoal que tiveron que afrontar, propiciaron unha nova perda importante de poboación (1% anual). Finalmente, entre 1991 e 1996, as estatísticas rexistran un notable incremento demográfico, do 26%. Non obstante entre o período 1996-2001 a poboación descendeu un -13,55% e entre 2001 e 2007 o -8,68%. O crecemento naturla (2006) é negativo -5, 4‰, froito dunha baixa natalidade, 4,5‰, e unha alta mortalidade, 9,9‰. En canto a estrutura por idades os menores de 20 anos constitúen o 23,7% fronte aos maiores de 65 anos que supoñen o 23,7%; o grupo intermedio representa o 61,4%. Por sexos dominan as mulleres, 52,08% fronte ao 47,91%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Dodro é do 48,2% (63,9% a masculina e 33,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 39,7% (56% a masculina e 24,8% a feminina) e a taxa de paro é do 17,5% (12,4% a masculina e 23,3% a feminina). A estructura económica amósase bastante diversificada. O sector primario mantén unha gran porcentaxe do emprego (17,9%). Malia a localización litoral da parroquia do Ézaro (a de maior poboación e a máis densamente poboada do concello), a pesca ocupa un escaso volume de traballadores (13%). As actividades agropecuarias, en cambio, si son importantes (16,6% dos ocupados). Destaca a gandería bovina, da que en 1999 había censadas 6.005 reses de vacún en 448 explotacións. A importancia deste sector non se reflicte na superficie dedicada a pastos, que só suma o 7% da superficie municipal. A agricultura, pola súa banda, ocupa o 17% da superficie agraria útil, na que dominan os cultivos forraxeiros e os destinados ao autoconsumo doméstico. A actividade industrial acolle ao 19,6% dos traballadores residentes no concello. Destaca a planta de Ferroatlántica, xemelga da de Cee. Hai tamén empresas lácteas que aproveitan os recursos gandeiros locais. O da construción é o sector que máis emprego xera, xa que nel traballa o 29,8% da poboación ocupada residente en Dumbría, mentres que unha gran parte desenvolve a súa actividade laboral nos concellos veciños, especialmente no de Cee. Os servizos están moi pouco desenvolvidos, debido á ausencia de núcleos urbanos e á proximidade das dúas vilas que se reparten as funcións de cabeceiras comarcais, Corcubión e Cee; aínda así, ocupan ao 32,7% dos traballadores, que en moitos casos teñen os seus postos de traballo nesas dúas vilas. Entre estas actividades terciarias sobresaen os servizos sociais e a Administración Pública, o comercio e a hostalería. A principal vía de comunicación é a estrada AC-552 (A Coruña-Fisterra), que atravesa o NO do concello, ademais da AC-441, a AC-199 e a CP-3404.
Historia
Os primeiros testemuños da presenza humana no concello son os dolmens de Monte Lousada e o de Casa dos Mouros, en Olveira. Os restos da cultura castrexa, como o castro de Regoelle en Olveira, ou o grupo de poboados de Monte Pedriña, destruídos coa construción dunha fábrica, evidencian unha continuidade no poboamento. Durante a Idade Media dependeu do arcebispado de Compostela e integrouse no arciprestado de Nemancos. Entre as liñaxes vinculadas a estas terras inclúense, entre outras, os Moscoso, os Caamaño, os condes de Altamira -que eran señores da xurisdición de Corcubión-, e os condes de Amarante -que dominaban a xurisdición de Berdeogas-. O mosteiro beneditino compostelán de San Martiño Pinario exercía a xurisdición sobre Moraime e Buxantes. No Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Dumbría pertencían na súa maioría á xurisdición de Corcubión, agás a de Berdeogas (xurisdición homónima) e Buxantes, (xurisdición de Moraime e Buxantes), e estaban representadas na provincia de Santiago. Coa entrada en vigor da Constitución de 1812 suprimiuse esta administración señorial, substituída por un sistema municipalista, que se concretou, neste territorio, na creación do concello de Dumbría. Esta nova demarcación non sufriu alteracións nos seus límites dende aquela, e as vicisitudes que atravesou foron as mesmas que sufriu o sistema constitucional. Así, a súa vixencia quedou interrompida entre 1814 e 1820 e entre 1823 e 1835, en ambos os casos por mor de senllas derrogacións da Constitución que decretou o Rei Fernando VII, e que supuxeron a restauración do Antigo Réxime e a súa administración señorial. Benito Vicetto, na Historia de Galicia (1865), narra unha batalla mitolóxica á beira do Xallas entre Céltigo e Noerio, na que logo se inspirou Eduardo Pondal para facer unha das súas últimas composicións poéticas “O combate de Dumbría”.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan, no eido da arquitectura relixiosa, as igrexas de Santa Baia, Santiago de Olveiroa, de orixe románica, e as de San Pedro de Buxantes, San Martiño de Olveira, San Mamede de Salgueiros e Santiago de Berdeogas, barrocas, aínda que moi transformadas. No eido da arquitectura civil destacan a casa de Bacariza en Berdeogas, construción gótica tardía do s XVI, e o pazo de Pedriña, realizado en estilo barroco no s XVIII. Do seu patrimonio natural destaca o espazo Carnota-Monte Pindo, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, as festas de San Xoán e Santiago en Berdeogas e Olveiroa, San Pedro en Buxantes, San Mamede en Salgueiros, do Carme no Ézaro e as romarías de Santa Lucía e as Neves. No Ézaro celébrase tamén a Festa da Praia.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Fisterra |
| Extensión | 125 Km2 |
| Poboación Total | 3890 h |
| Poboación Homes | 1864 h |
| Poboación Mulleres | 2026 h |
| Densidade de poboación | 31.12 h/Km2 |