durmideira
(
-
s
f
[PLANTA]
Herbácea anual, de ata 120 cm de altura, con follas de 25 cm de lonxitude, pinnatisectas e de marxe dentada, con flores de 12 cm de diámetro e de pétalos que varían de tonalidade (dende o branco, ao vermello ou o violeta), pero que nas poboacións silvestres son brancos cunha mancha violeta na base. Os froitos son cápsulas de ata 5 cm de diámetro que conteñen as sementes de pequeno tamaño. Orixinaria da rexión mediterránea oriental e do sudoeste de Asia, está amplamente difundida debido ao seu cultivo para o aproveitamento do látex. Toda a planta, pero particularmente a parte externa das cápsulas, teñen un abundante sistema de canles lactíferas, das que se recolle o látex logo de practicar pequenas incisións sobre estes froitos, cando aínda están inmaturos. O látex que, unha vez seco, recibe o nome de opio, presenta máis de 21 alcaloides, entre os que destacan a morfina (entre un 8 e un 18%), a narcotina e a codeína. Cultivaron esta planta en época clásica os gregos e romanos, e difundírona os árabes tanto en Europa como en Asia, asociada ao seu uso médico, para aliviar a dor e como calmante nervioso, tamén como astrinxente na diarrea e disentería, e como expectorante e antiespasmódico nalgúns tratamentos da tose. A finais do s XVIII estendeuse o seu emprego como droga. Nun principio inxeríase directamente, logo fumouse en pipas especiais e, por último, inxectouse en forma líquida. Mesturada con auga e alcol dá lugar ao láudano. A súa administración produce unha depresión do sistema nervioso central e induce á euforia, á somnolencia e á pasividade. Produce unha forte dependencia psíquica, ademais de dependencia física e intolerancia, que pode ir acompañada de náuseas e vómitos. A sobredose ou intoxicación aguda provoca a morte por depresión respiratoria. O cultivo da durmideira está sometido a control legal en moitos países.
-
s
f
[PLANTA]
papoula.