1 e
-
s
m
[ESCR]
Quinta letra do alfabeto galego, denominada e.
-
s
m
[FILOL/LING]
Grafía que representa o fonema vocálico anterior ou palatal medio aberto /ε/ ou medio pechado /e/. O fonema /ε/ presenta un único alófono [ε] e a súa realización máis ou menos aberta débese a hábitos de falantes individuais e non a razóns contextuais. O fonema /e/ tamén só presenta un alófono [e]. Estes dous fonemas en posición tónica poden establecer oposicións fonolóxicas en pares homógrafos (vela ‘lona’ /’bεla/, vela ‘ver’/’bela/) e, en posición pretónica, o rendemento fonolóxico é escaso xa que hai poucas parellas que se opoñen polo grao de abertura (pegada ‘pé’ /pε’gada/ vs pegada ‘pegar’ /pe’gada/; besteiro ‘arma’ /bεs’teiɾo/ vs besteiro ‘animal’ /bes’teiɾo/); aínda así, en palabras derivadas consérvase de forma xeral a abertura da palabra base (pedra /’pεdɾa/, pedriña /pε’dɾia/). Este escaso rendemento en posición pretónica levou a algúns investigadores, como Amable Veiga Arias, a considerar que non se pode falar da existencia en galego dun sistema vocálico de sete elementos nesa posición. O timbre de /ε/ e /e/ tónicos pode verse afectado por diversos fenómenos vocálicos que fan que o timbre se peche ou se abra un grao, respectivamente. Dentro destes fenómenos cómpre destacar a metafonía nominal, a influencia dun -e final e a influencia de n que traba sílaba. A metafonía nominal maniféstase na influencia de -o en sílaba final sobre o /ε/ tónico que fai que peche un grao (medo /’mεdo/, con metafonía /’medo/) ou por influencia do -a en sílaba final que abre un grao o timbre do /e/ tónico (ela /’ela/, con metafonía /’εla/); esta influencia tamén se dá aínda que -o e -a non estean en posición final absoluta (medos, elas). Cómpre dicir que a metafonía só afecta a algúns substantivos e uns poucos adxectivos e que as palabras afectadas por ela non ocupan áreas idénticas; con todo, pódese dicir que, independentemente do territorio que abrangue, a metafonía é un fenómeno característico da parte occidental de Galicia. Ademais, no sur de Pontevedra e na parte máis sudoccidental da provincia de Ourense, dáse outro fenómeno, posiblemente emparentado coa metafonía: a pechazón dun /ε/ tónico etimolóxico por influencia dun -e en sílaba final (neve /’nεbe/, con pechazón /’nebe/). Unha consoante nasal que traba sílaba tónica tamén pode pechar un grao o timbre de /ε/, fenómeno característico da parte occidental do territorio galego que só afecta a substantivos e a algúns adxectivos (dente, xente, lento); dialectalmente, o [ε] etimolóxico consérvase en parte do galego central e no galego oriental, aínda que a extensión xeográfica de cada vocábulo afectado é diferente. En posición postónica só se recolle o fonema /e/, xa que non se dá a oposición entre a abertura media aberta e abertura media pechada (orella /o’ɾeλa/, coche /’kɔtÙʃe/). O vocalismo átono, moito máis inestable ca o tónico, tamén sofre vacilacións, non sempre doadas de sistematizar. Nun rexistro oral, entre os fenómenos máis importantes que lle afectan, cómpre citar: a harmonización vocálica en que unha vocal /i/ tónica ou un ditongo /ej/ pecha un grao o /e/ (veciño/viciño, dereito/direito); a labialización pola que un /e/ en contacto con consoante labial pode realizarse como un [o] nun rexistro vulgar (semana/somana, levar/lovar); a paragoxe que, nun rexistro vulgar, engade un [e] en palabras oxítonas rematadas en consoante ou en ditongo e mesmo en monosílabos tónicos (comer/comere, lacón/lacone, eu/eue); e a síncope do /e/, nun rexistro popular, pola súa posición fraca (verán/v’ran, experimentar/exp’rimentar). Diacronicamente o fonema vocálico /ε/ en posición tónica procede de vogal Ĕ ou ditongo AE do latín clásico (cervo < lat CĔRVU, cego < CAECU), pero tamén pode dar lugar a un [e]: por ir seguido dunha consoante palatal (sexa < SĔDĔAM, espello < SPĔCŬLŬ, teño < TĔNĔŌ); pola presenza dunha nasal que traba sílaba (tempo < TĔMPUS, xente < GĔNTE); pola presenza dun iode etimolóxico que xa se perdeu na evolución lingüística (nervio < NERVIU, prezo < PRĔTĬU); por metafonía do -Ŭ final latino, sobre todo no galego occidental, aínda que tamén é un fenómeno que presenta extensión xeográfica diferente e só afecta a substantivos (medo < MĔTŬ, esterco < STĔRCŬ); e o Ĕ breve tónico dalgúns proparoxítonos pode pechar cando na sílaba postónica existe un Ĭ breve (lévedo < *LĔVĬTU). O fonema vocálico /e/ en posición tónica pode proceder de Ē, Ĭ ou OE do latín clásico (cea < CĒNA, cedo < CĬTŌ, feo < FOEDU), pero en certos contextos, como a presenza dunha consoante nasal que traba sílaba, pola acción dun iode ou un Ī final, o timbre do [e] pode pechar un grao e converterse en [i] (domingo < DŎMĬNĬCU, millo < MĬLĬU, vinte < VĪGĬNTĪ); en palabras cultas e semicultas o Ĭ breve latino desemboca en i tónico (artigo < ARTĬCŬLU). En certos contextos, o timbre de [e] tónico pode abrir un grao [ε]: pola acción metafónica de -a; pola presencia das consoantes -l e -r que traban sílaba (cruel < CRŪDĒLE); ou por crase cun -e final absoluto (sé < see < SĒDE). En posición pretónica adoitan neutralizarse as vocais de grao medio en favor das pechadas, non obstante nas palabras derivadas, como os diminutivos en -iño, manteñen a primitiva abertura etimolóxica da súa base lexical (pedra/pedriña). O [e] átono inicial, en voces patrimoniais, procede de Ĕ, Ē e Ĭ do latín clásico, e dos ditongos AE e OE (esteiro < AESTŬĀRĬU, cebola < CĒPŬLLA, fender < FĬNDĔRE, pegar < PĬCĀRE). De todos os xeitos, esta vogal átona é relativamente inestable e tende a pechar en [i] (incenso < ĬNCĔNSU, lixeiro < *LĔVĬĀRĬU). As vocais pretónicas internas e a postónica presenta tendencia á síncope, aínda que se manteñen nalgunha ocasión (xeral < geeral < g~eeral < GĔNĔRĀLE, débeda < DĒBĬTA). O [e] final provén de Ē, Ĕ, Ī, Ĭ e os ditongos AE e OE (xoves < IŎVĬS, mente < MĔNTE).