eccema
(
Afección da pel, aguda ou crónica e de carácter inflamatorio, que se caracteriza pola aparición de manchas vermellas, ampolas, carapolas e picor. Presenta diversidade de causas, tanto endóxenas como esóxenas. O eccema consta dunha fase de formación dunha vesícula primordial que normalmente dexenera nunha acantose e nunha paraqueratose, ata acadar un estado final denominado liquenización, que comprende o engrosamento de todas as capas da epiderme. Na derme prodúcese unha dilatación vascular que pode dar lugar á tortuosidade dos vasos e a unha infiltración, xeralmente de linfocitos. Entre as formas máis importantes distínguese, no tipo endóxeno, o eccema atópico ou constitucional, que presenta antecedentes familiares de afeccións asmáticas ou de eccema, o eccema seborreico e a pitiriase. Dentro do tipo esóxeno destaca o eccema de contacto producido por alérxenos. Os eccemas poden evolucionar a brotes, con remisións máis ou menos repetidas ao longo da vida, ou poden aparecer de forma episódica; tamén poden ser de tipo hereditario, manifestarse dende a infancia ou ir acompañados doutras manifestacións alérxicas. No tratamento empréganse substancias emolientes, antihistamínicos, corticoides ou antibióticos, dependendo do tipo de afección.