Echinacea

Echinacea
[PLANTA]

Planta do xénero Echinacea, da familia das asteráceas, de follas lanceoladas, enteiras e pilosas, dispostas nunha mouta basal, capítulos de flores de cor púrpura das que as marxinais son liguladas e raíces fusiformes. Orixinarias de Norteamérica son empregadas e cultivadas en moitos países, principalmente as especies E. angustifolia, E. pallida e E. purpurea, polo uso medicinal dos rizomas. Destacan entre os seus principios activos polisacáridos inmunoestimulantes, ácidos fenólicos e alcaloides pirrolizidínicos que contan entre as súas propiedades terapéuticas o favorecer o sistema inmune, incrementando a fagocitose, a liberación de factores antitumorais e de interferóns de actividade antitumoral e antiviral. Ademais posúen actividade antiinflamatoria e antiedematosa.