Eco de Orense, El
Xornal aparecido en Ourense a partir de 1880 que cesou a súa edición en 1909. Subtitulouse “Periódico político”, “Periódico liberal”, “Diario político” e “Diario de la mañana”. Fundado polo deputado liberal Vicente Pérez, exerceron como directores Rodríguez Quiroga (1880-1883), Valentín Lamas Carvajal (1883-1906) e Antonio Fuentes e Modesto Lamas (1906-1909). En 1892 pasou de ser bisemanal a editarse diariamente. Algúns dos seus redactores foron Xoán Neira, Arturo Vázquez, Álvarez de Nóvoa, Basilio Álvarez, Xosé Adrio, Afonso Carballo e Xoán X. Reza. No campo literario cómpre salientar a colaboración de Alberto García Ferreiro, Saco e Arce, M. Martínez Sueiro e Antonio Rey Soto. Ademais de información xeral ofrecía artigos de crítica ás autoridades locais. Na sección “Mostacillas”, publicáronse versos satíricos sobre temas políticos. O director Lamas Carvajal, e o resto do xornal, romperon a súa relación co fundador, Vicente Pérez, despois de que este crease El Miño en 1898. Neses anos interrompeu a súa liña liberal e pasou a converterse nun medio achegado ao clericalismo, cunha postura máis conservadora.