Ediacara, fauna de

Ediacara, fauna de

Grupo de organismos fósiles, propia do período Vendiense -hai 650 millóns de anos-, de formas helicoidais ou radiais, sen esqueletos e que acadan nalgúns casos ata 1 m de sección. Os seus restos presentan un excepcional grosor aparentemente impropio nos animais brandos. Foron descubertos por primeira vez en 1947, nas proximidades da cidade do sur de Australia de onde tomaron o nome, para ser logo recoñecidos nos cinco continentes actuais. Interpretados, nun principio, como os antecesores dos invertebrados do Cámbrico foron logo, para algúns paleontólogos, unha liña sen descendencia na evolución de animais multicelulares e para outros fungos liquenizados de gran tamaño, o que xustificaría a súa consistencia e dimensións.