Editorial Céltiga

Editorial Céltiga

Empresa editora fundada en 1921 pola Irmandade da Fala de Ferrol. Publicaba unicamente en lingua galega. O seu equipo directivo estaba integrado por Xaime Quintanilla, o director, Fiz Álvarez do Castelo, secretario, Manoel Morgado, administrador, e Ramón Villar Ponte, xerente. Publicaba principalmente obras en prosa, pois seguindo as directrices das Irmandades vía a necesidade de fomentar o cultivo literario en galego, nun eido que estaba un pouco abandonado malia o Rexurdimento literario que se producira no século anterior. A editorial comezou a súa andaina publicando Alén de Xaime Quintanilla, Mal de moitos e Trato a cegas de Charlón e Hermida, e Trebón de Armando Cotarelo Valledor, todas elas pezas dramáticas representadas anteriormente e con certo éxito. Despois delas, iniciaron a colección Céltiga no mes de marzo de 1922, co subtítulo de “Novela mensual ilustrada”, con publicacións dos colaboradores da editorial. De periodicidade mensual, custaba 30 céntimos a entrega. Chegou a acadar os trece números. A editorial cesou as súas edicións en 1923 por mor dunha prohibición do goberno do xeneral Primo de Rivera.