deshumanización
(
Acción e efecto de deshumanizar ou deshumanizarse. O concepto empregouno José Ortega y Gasset no seu ensaio La deshumanización del arte (1925), para referirse á característica fundamental da arte que defendían certos movementos de vangarda. Supón a eliminación do sentimental, de todo o que teña relación coa intimidade do home, en favor do conceptual. A arte convértese nun exercicio intelectual que deixa á marxe todo o que non sexa exclusivamente estético. Liberados de todo compromiso, social, cultural, relixioso ou político, os obxectos artísticos teñen sentido en si mesmos polos seus valores estéticos. Concibe a arte como xogo intranscendente, usa a ironía como factor distanciador da materia tratada e nega toda interpretación sentimentalista. A influencia posterior do surrealismo e o compromiso político e social de moitos artistas fixo que se abandonase progresivamente este concepto. Síntoma deste cambio foi a publicación do ensaio El nuevo Romanticismo (1930), de José Díaz Fernández, que defendía unha arte ao servizo do humano, e do artigo “La rehumanización del arte” (1934), de Carlos y Pedro Caba.