druída, druidesa

druída, druidesa

(

  1. s [RELIX]

    Persoa da clase alta sacerdotal dos antigos celtas e galos. Os druídas, estreitamente ligados ao poder político e relixioso, eran considerados depositarios do saber sagrado dos pobos celtas -relativo tanto á relixión, coma á astronomía, á xeografía ou á natureza- e os encargados de transmitir a doutrina céltica. Aínda que houbo druídas en todas as sociedades célticas, os máis destacados foron os establecidos na Galia e nas Illas Británicas. Malia a súa elevada posición social na sociedade da época, participaba en todos os labores cotiás da comunidade; así, os vacios eran os cargos relixiosos máis importantes e dedicábanse a interpretar os sinais dos deuses; os seronidos ocupábanse da educación dos mozos; os bardos, vates, oradores, poetas e músicos compuñan letras e cancións para enxalzar o valor e a forza dos guerreiros na batalla, e composicións edificantes para conducir o pobo a unha vida virtuosa; e os causidios coidaban da xustiza civil e criminal cando xurdían enfrontamentos entre as diversas tribos. Moitas veces, a autoridade do druída era superior á do rei, a quen tiña o dereito de falar e adoitaba orientar na súa toma de decisións. Crían especialmente na inmortalidade das almas, na idea doutro mundo no que os mortos acompañarían os deuses, por iso xunto ao cadáver poñían todo tipo de obxectos da vida cotiá. Non se conserva ningún escrito ou proba documental que amose a súa doutrina e sabedoría. Todo o que se sabe sobre os cultos e actividades druídicas débese especialmente aos historiadores latinos -tamén gregos- que coñeceron a súa cultura como Posidonio, Xulio César, Oríxenes, Cicerón ou Suetonio. A través dos seus escritos tense noticia da existencia de fórmulas, ritos e oracións que se transmitían oralmente de xeración en xeración de forma memorística. Para enfrontárense á dominación romana das Galias, organizaron unha coalición de todas as tribos celtas ao mando do caudillo Vercinxetórix; Xulio César foi quen de os derrotar, pero a cultura gala e a relixión druídica perviviu ata que foron marxinadas ou asimiladas polo cristianismo dende o s III. A partir do s XVI naceron diversas correntes “neodruídicas” de pensamento relixioso, cun fondo ideolóxico achegado á maxia natural e ao culto panteísta da natureza, que intentaron restaurar as antigas crenzas e ritos druídicos fronte á ortodoxia cristiá dominante.

  2. s

    Cónxuxe dun druída ou druidesa.

Palabras veciñas

Druey, Henry | drugstore* | Drugyul | druída, druidesa | druídico -ca | druidismo | Drumev, Vasil