educador -ra
(< lat educātōre)
-
adx
Relativo ou pertencente á educación.
Ex: A súa experiencia educadora foilles de grande utilidade para encontrar traballo.
-
adx
Que educa.
Ex: A súa actividade educadora deu bos froitos.
-
s
[EDUC]
Persoa que desenvolve unha función social recoñecible xa que asume responsabilidades ao intervir no proceso formativo e de desenvolvemento integral do educando, mediante o exercicio de accións educativas, en concordancia coa evolución do educando, co contexto social e cultural e cos propósitos inspiradores de tal acción educadora. A figura do educador presenta un status e uns roles variables se se considera a dobre coordenada espacio-temporal. Aínda así xerouse unha tradición pedagóxica que permite debuxar un perfil básico con algúns trazos congruentes coa profesionalidade educadora. Neste sentido construíronse diversas tipoloxías de educadores, dependendo da maior ou menor atención que se lles preste aos trazos de personalidade, ou ás competencias e saberes profesionais e académicos dos que exercen o oficio de educar. A conciencia de complexidade da educación levou a reconsiderar e ampliar as funcións académicas tradicionais: o educador non é só un transmisor de coñecementos nin a única fonte de coñecementos nunha única dirección concreta do saber, senón que tamén é un facilitador das aprendizaxes, un iniciador do desenvolvemento intelectual e integral, un animador ou adulto de referencia para aqueles que “aprenden a ser”, procurando o logro dunha personalidade equilibrada, un “home recurso” que pode achegar o seu apoio en situacións que non son estritamente escolares e desenvolvendo así funcións psicopedagóxicas e de orientación.