EiTB

EiTB
[COMUN]

Grupo de comunicación de Euskadi que conta con catro cadeas de televisión e cinco emisoras de radio. Durante os últimos anos consolidouse como un medio de comunicación que conecta diariamente con máis dun millón de cidadáns a quen ofrece, principalmente, información xeral e entretemento. O 20 de maio de 1982 o Parlamento vasco aprobou a lei para a creación de Euskal Irrati Telebista e o 23 de novembro comezaron as emisións en Euskadi Irratia. ETB, pola súa parte, chegou aos fogares vascos o 31 de decembro de 1982; a partir do 16 de febreiro do ano seguinte regularizáronse totalmente as súas emisións. Daquela traballaban no centro de ETB en Iurreta ao redor de 30 persoas para ofrecer unha programación integramente en éuscaro. O 31 de maio de 1986 naceu ETB-2, que emite en castelán. Co tempo apareceron dous canais máis de carácter internacional; un deles, ETB Sat, dende maio de 2001, grazas ao acordo con Canal Satélite Digital, pódese recibir en aberto a través do satélite ASTRA en toda Europa. No Estado español pódese ver na mesma CSD e tamén na plataforma Vía Digital. A cuarta cadea de televisión do grupo EiTB é Canal Vasco, un medio dirixido a América que chega aos televidentes a través de empresas de cable e DTH americanos. O grupo EiTB conta, ademais, con cinco emisoras de radio que superan os 300.000 oíntes diarios: Euskadi Irratia, Radio Euskadi, Radio Vitoria, Euskadi Gaztea e Radio EiTB Irratia. Esta última comezou a súa andaina en xuño de 2001 e ofrece principalmente música e eventos culturais.