electrodiálise

electrodiálise

(

s f [TECNOL]

Procedemento de separación iónica que aproveita a propiedade que teñen determinadas membranas de permitirlles o paso aos ións dun signo determinado, mentres que llelo impiden aos ións de signo contrario. A aplicación máis importante deste fenómeno é a desalinización de auga salobre. Os aparatos de electrodiálise constan dun conxunto de células, que se compoñen dun gran número de membranas que son, alternativamente, selectivas de anións e selectivas de catións, separadas por unhas pezas de forma especial. Nun dos estremos está o ánodo e no outro, o cátodo. A auga que se quere tratar introdúcese no espazo entre as membranas. O campo eléctrico producido provoca o desprazamento dos ións; así, os anións, ao se moveren cara ao ánodo, atravesan as membranas selectivas de anións, mentres que os catións fan o proceso contrario, ao se moveren cara ao cátodo. Nunha célula de electrodiálise, que se desexa manter en correcto funcionamento, a salinidade non se pode reducir en máis dun 50%, aproximadamente. Por iso, a maior parte dos aparatos constitúense por varias etapas en serie nas que a redución de salinidade que se desexa se acada en graos sucesivos. A electrodiálise é vantaxosa, de xeito especial, cando a redución que se desexa de salinidade non é moi forte. Poden tratarse facilmente por electrodiálise para potabilizar augas salobres cunha salinidade inferior a 3 g/l, aínda que se realizaron algúns intentos de desalinización de auga de mar. Nestes casos foi preciso multiplicar as etapas e admitir consumos de enerxía elevados, arredor dos 40 kw/h por m3 producido, necesarios para limitar os gastos de instalación.