electromagnetismo
(
-
s
m
[FÍS]
Magnetismo producido por unha corrente eléctrica.
-
s
m
[FÍS]
Parte da electricidade que estudia conxuntamente os fenómenos eléctricos e magnéticos, unificándoos nunha síntese teórica única. Historicamente, os resultados experimentais básicos conseguiunos cara ao 1820 H. C. Ørsted e A. M. Ampère, que descubriron os efectos magnéticos da corrente eléctrica e puxeron de manifesto a íntima relación existente entre os dous conxuntos de fenómenos. O efecto contrario, é dicir, a produción de corrente eléctrica a partir do magnetismo, coñecido como indución electromagnética, foi descuberto por M. Faraday no ano 1831. J. C. Maxwell conseguiu a síntese teórica de todo este labor experimental e resumiu o comportamento das accións electromagnéticas en catro ecuacións, coñecidas como ecuacións de Maxwell. O campo electromagnético componse de dúas entidades físicas, o campo electrostático E e o campo de indución magnética B . En cada punto do espacio están definidos os dous vectores E e B que, polo xeral, non teñen a mesma dirección e son función das coordenadas do punto e do tempo. O campo de indución magnética, de xeito semellante ao campo electrostático, está representado polas liñas de forza, trazadas de maneira que en cada punto vaian tanxentes ao vector B. Recibe o nome de fluxo de indución magnética dΦ, correspondente a unha superficie dS, o número de liñas de forza que a atravesan (dΦ=BdScosα). As liñas de forza do campo magnético son liñas pechadas, concéntricas e situadas en planos perpendiculares á corrente. A produción de corrente eléctrica (corrente inducida) pola acción dun campo magnético variable recibe o nome de indución electromagnética. A lei de Lenz afirma que a forza electromotriz (fem) inducida tende a opoñerse á causa que a produce. Se o circuíto se percorre por unha corrente eléctrica variable, o campo magnético creado tamén é variable e produce no circuíto unha forza electromotriz inducida. A indución electromagnética é o fundamento dos xeradores de corrente, como as dínamos ou os alternadores, e practicamente de todos os motores eléctricos e aparellos de medida.