elefante -ta
(< lat elĕphânte< gr)
-
[ANIMAL]
-
s
m
Mamífero, da familia dos elefántidos, de ata 4 m de altura, que constitúe o maior animal terrestre do Cuaternario. Ten cabeza grande, pescozo curto, orellas grandes, ollos proporcionalmente pequenos e extremidades grosas. As súas patas musculosas rematan nunha almofadiña de tecido adiposo que engloba as dedas, e que presenta certa mobilidade e permite a adaptación do pé ao substrato. A velocidade de desprazamento normal é de entre 6 e 7 km/h, pero en situacións de fuxida ou ataque pode acadar os 40 km/h. Os elefantes son incapaces de galopar ou de saltar, pero nadan perfectamente. A característica máis salientable é o apéndice nasolabial alongado, denominado trompa, que cumpre, ademais das funcións respiratorias e sensitivas de olores e sabores normais, funcións de absorción e de prensión. Con ela os elefantes recollen con precisión follas e outros alimentos que levan ata a boca, pero tamén poden golpear e defenderse con ela, xa que é un órgano de gran forza. Tamén poden absorber e reter auga para logo dirixila á boca, darse unha ducha ou facer isto último con terra ou area fina para protexer a súa pel do sol ou dos insectos. Na boca, ademais dos molares, destaca un incisivo desproporcionado que pode acadar os 3 m de lonxitude, denominado cabeiro, que se sitúa na mandíbula superior e que lles serve como arma e instrumento para alimentarse. Mudan os molares en dúas ocasións debido ao continuo desgaste que sofren neles; finalmente, cando alcanzan a idade de 60 ou 70 anos, acaban gastados, feito que supón graves problemas para alimentarse e que incluso chega a provocarlles a morte. Os elefantes chegan a beber ata 190 litros de agua e necesitan uns 300 kg diarios de alimentos vexetais, que obteñen da busca continua de talos, follas, herbas fibrosas, cortizas, bulbos e, en casos de necesidade, mesmo madeira. As femias entran en celo durante só 1 ou 2 días en calquera época do ano, momento no que se apartan do resto do rabaño e se xuntan co macho; este pode pelexar con outros machos que se sintan atraídos pola mesma femia. A xestación dura entre 21 e 22 meses e dá lugar, as máis das veces, a unha soa cría que pode camiñar poucos minutos despois de nacer e que mama entre dous e cinco anos. Durante o primeiro ano de vida as nais deben atender e defender as crías dos ataques dos depredadores, especialmente dos grandes felinos. As elefantas poden ter ata unha ducia de crías ao longo da súa vida. Os elefantes posúen unha gran capacidade para comunicarse cos seus conxéneres, e para iso, ademais das voces e sinais coas orellas, emiten coa trompa unha serie de sons de baixa frecuencia, non audibles polo ser humano, pero que lles permiten a comunicación a longas distancias. Para transmitir sinais a maiores distancias dan golpes no chan, que provocan sinais sísmicos que poden transmitirse a máis de 150 km. Este tipo de mensaxes empréganas principalmente para orientar a outros grupos sobre a dispoñibilidade local de auga. A unidade social está formada polo núcleo familiar, composto por unha femia adulta e as súas crías de distintas idades. Estas familias xúntanse en rabaños de entre 15 e 30 animais que adoitan estar todos emparentados. Ás veces os rabaños xúntanse en mandas que nun tempo chegaban a acadar preto do milleiro de elefantes. O rabaño guíao a femia de maior idade que transmite ao grupo, deste xeito, os seus coñecementos sobre os diferentes recursos da área onde viven. Mentres son inmaturos, os machos permanecen no núcleo familiar para logo deixalo e vivir sós ou con algún outro macho, aínda que algúns de idade avanzada acompañan os grupos de femias. Os elefantes permanecen xeralmente inactivos e protexidos nas horas centrais do día por mor da temperatura e actúan á noitiña e ao amencer. Os primeiros elefantes apareceron no N da India durante o Eoceno e 50 millóns de anos despois eran animais xigantes moi diversificados e distribuídos por todos os continentes, agás Australia e a Antártida. A aparición do home levou a moitas especies á extinción, debido á caza á que foron sometidas. Na actualidade sobreviven 3 especies con capacidade para ocupar hábitats tan variados como bosques tropicais, sabanas ou semidesertos. As tres especies poden ser domesticadas, aínda que tradicionalmente foi o asiático, dende hai máis de 4.000 anos, o máis empregado para axudar o home, especialmente en tarefas duras como extraer troncos da selva. Tamén foron empregados en funcións bélicas, caso de Alexandre o Grande no 326 a C, e os 37 animais que Aníbal levou na travesía dos Alpes no ano 218 a C. Estes animais domésticos proceden das poboacións salvaxes, xa que practicamente non se reproducen en catividade. A súa captura faise mediante unha técnica semellante á dos curros, na que os homes, montados noutros elefantes xa domesticados, conducen os animais salvaxes ata un valado onde se separan os máis novos.
-
elefante antigo [Elephas antiquus, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 3,7 m de altura, de patas longas e cabeiros moi longos e rectos. Especie propia das selvas subtropicais presentes en Europa e zonas do hemisferio norte durante o Pleistoceno, que ampliaba a súa distribución nos períodos interglaciares.
-
elefante asiático [Elephas maximus, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 3 m de altura na cruz e 5.000 kg de peso, coa fronte abombada, lombo arqueado, orellas pequenas en comparación coa cabeza e cabeiros só no macho. Tamén se caracterizan por presentar no extremo da trompa unha soa dixitación, fronte ás dúas que presentan as especies africanas actuais. Distribúese pola India e o sueste asiático.
-
elefante de bosque [Loxodonta cyclotis, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 2,5 m de altura, con 5 uñas nas patas dianteiras e 4 nas patas traseiras, mandíbula longa e estreita e orellas redondeadas. Os cabeiros, presentes nos dous sexos, son máis rectos e longos ca os do elefante de sabana e o marfil ten unha lixeira coloración rosa. A especie foi descrita a finais do s XIX polo zoólogo alemán Paul Matschie, pero a súa validez non foi confirmada ata a aplicación de análises xenéticas a principios do s XXI. Constitúe unha especie forestal da que subsisten uns 150.000 exemplares.
-
elefante de estepa [Mammuthus trogontherii, Fam dos elefántidos]
Elefante, de ata 4,5 m de altura, co pelo longo e orellas e cola máis pequenas ca o elefante euroasiático. Viviu na estepa dende Siberia ata Europa hai entre 1 millón e 750.000 anos, e cedeu o seu niño ecolóxico ao elefante laúdo. Alimentábase principalmente de herbáceas.
-
elefante de pampa [Cuvieronius hyodon, Fam dos gonfotéridos]
Elefante de ata 2,7 m de altura, con cabeiros en forma de espiral e orellas pequenas. Propio da Pampa arxentina e dos cumios dos Andes, apareceron no Plioceno e viviron ata o s V, cando se extinguiron, probablemente, por mor da caza indiscriminada por parte do home.
-
elefante de sabana [Loxodonta africana, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 4 m de altura que pode chegar a alcanzar os 7.000 kg de peso, con 4 uñas nas patas dianteiras e 3 nas patas traseiras, mandíbula pequena e ancha e orellas apuntadas de ata 1,5 m de lonxitude. Vive en extensas áreas orientais, centrais e meridionais de África, onde sofre a presión da caza para conseguir o seu marfil, ao mesmo tempo que a perda do seu hábitat natural. Algunhas poboacións están restrinxidas a parques e reservas onde, ás veces, as altas concentracións poñen en perigo a estrutura e dinámica vexetal e, polo tanto, a supervivencia dos propios elefantes. Subsisten uns 350.000 exemplares.
-
elefante euroasiático [Mammuthus meridionalis, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 4 m de lonxitude, de cabeiros longos, curvos e revirados, coa pel sen pelos, patas traseiras máis curtas ca as dianteiras e lombo en costa. Especie propia das fragas e bosques mixtos, alimentábase principalmente das follas e cortiza de carballos, bidueiros e freixos. Apareceu en Europa hai 3 millóns de anos e estendeuse por todo o continente ata Siberia, e pasou hai 1,7 millóns de anos a Norteamérica. O arrefriamento xeral que sufriu o planeta hai un millón de anos provocou o cambio do seu hábitat, a fraga, por extensas praderías onde foi substituído polo elefante de estepa. Desapareceu hai uns 750.000 anos.
-
elefante insular [Mammuthus exilis, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 1,6 m de lonxitude e 1.000 kg de peso, que viviu hai uns 30.000 anos nas illas situadas a 8 km da costa de California, como a illa de Santa Rosa.
-
elefante laúdo [Mammuthus primigenius, Fam dos elefántidos]
Elefante de ata 4,20 m de lonxitude, con dúas capas illantes de pelo, unha grosa reserva de graxa e orellas moi pequenas. Propio da tundra, alimentábase de herbáceas para as que presentaba molares especialmente altos e moi esmaltados. Apareceu en Siberia, nun contexto climático cada vez máis frío debido á glaciación, e estendeuse por Europa ata o N da Península Ibérica e tamén ao continente americano hai 100.000 anos, a través do estreito de Bering. Extinguiuse hai uns 4.000 anos, despois de entrar en contacto cos cazadores humanos.
-
s
m
-
[ANIMAL]
-
elefante mariño
Mamífero carnívoro mariño pertencente ao xénero Mirounga, da familia dos fócidos, de ata 6 m de lonxitude, corpo de cor cinsenta hidrodinámico e extremidades modificadas en forma de aleta, cos ósos do brazo acurtados e os da man alongados, sen orellas, que presentan unha grosa capa de graxa que lle serve de illante térmico e reserva enerxética. Nadan mediante movementos coordinados das aletas posteriores e do corpo, mentres que as extremidades dianteiras lles serven para orientarse. Aliméntanse principalmente de peixes e cefalópodos que capturan ata os 1.000 m de profundidade. Os principais depredadores dos elefantes mariños son as grandes quenllas e as candorcas. Para reproducirse instálanse na costa, onde os machos defenden violentamente doutros machos os grupos de femias coas que copulan. Neste período de celo, os machos inchan un groso apéndice nasal que semella unha pequena trompa para intimidar os adversarios.
-
elefante mariño antártico [Mirounga leonina, Fam dos fócidos]
Foca que acada, no caso dos machos adultos, ata 6 m de lonxitude e 4.000 kg de peso, mentres que as femias miden ata 3,7 m de lonxitude e pesan 900 kg de peso. Son propias dos mares próximos á Antártida, onde se distinguen tres grandes poboacións: no S de Nova Zelanda; no S do Atlántico, con colonias en Arxentina e a Antártida, e nas illas do S do Índico.
-
elefante mariño ártico [Mirounga angustirostris, Fam dos fócidos]
Foca que acada, no caso dos machos adultos, os 4,2 m de lonxitude e os 2.300 kg de peso. Son propias da costa do Pacífico de América do Norte e illas próximas ao continente, dende San Francisco en California ata o centro da península de Baixa California. Os machos adultos chegan ata Alasca.
-
elefante mariño
-
s
m
[MAR]
Caderna máis grosa do casco dunha embarcación.