elocutio*

elocutio*
s f [LIT]

Terceira das cinco partes en que se organizaba o discurso oratorio segundo a retórica clásica. Sitúase a continuación da inventio -recollida dos materiais precisos para defender unha causa- e da dispositio -organización do material-, e consiste na súa elaboración verbal. Transmite a mensaxe a través de dúas operacións: a electio ou selección de palabras, e o ornatus ou embelecemento mediante tropos e figuras retóricas. A continuación, contempla a compositio, combinación e ordenación fonética e sintáctica de palabras e enunciados que mellor convén ao discurso. O seu obxectivo é provocar o interese do público por medio dunha expresión diferente e atraente. Considérase a parte máis importante da retórica e caracterízase pola corrección (puritas), claridade (perspicuitas), elegancia (concinnitas), agudeza verbal e exquisitez da lingua (sententiarum ornatus e verborum exornatio). A retórica clásica recoñece tres modalidades básicas de estilo elocutivo: o genus humile, o genus medium e o genus sublime, apropiado para os personaxes nobres e cultos. Por extensión, na obra literaria alude á plasmación lingüística das ideas mediante figuras e procedementos retóricos.

Palabras veciñas

elocución | elocuencia | elocuente | elocutio* | elocutivo -va | Elodea | Elohim