Emiliano/Emiliana
Emiliano/Emiliana
[ONOM]
Antropónimo derivado do latín clásico Aemilianus ‘da familia de Emilio’. Trátase dunha forma culta que convive coa variante Millán, resultado patrimonial da anterior con aférese inicial. Levaron este sobrenome o emperador romano Marco Emilio Emiliano (Marcus Aemilius Aemilianus) e Publio Cornelio Escipión Emiliano Africano Numantino (Publius Cornelius Scipio Aemilianus Africanus Numantinus), fillo de Lucio Emilio Paulo (Lucius Aemilius Paullus). Entre os numerosos santos con este nome destaca santo Emiliano de Trevi que se celebra o 28 de xaneiro.