Emilio/Emilia
Emilio/Emilia
[ONOM]
Antropónimo procedente do latín Aemilius, de orixe confusa. Segundo unha hipótese pode vir do nome persoal etrusco Aemus ou Aimos. Presenta as variantes Milio, para o masculino, e Milia, para o feminino; esta última xa se documenta en 1451. Ten os hipocorísticos Milio, Miliño, Miluco, Miloco, Milocho, Milucho, Lucho, Milos (para o masculino) e Miliña, Miluca, Milucha, Lucha (para o feminino). Este nome romano difundiuse especialmente no Renacemento. O Martiroloxio Romano cita tres santos con este nome, Emilio de Capua (s IV), martirizado nesta cidade xunto con san Marcelo; Emilio de Sardeña, martirizado nesta illa xunto cos santos Fiz, Luciano e Príamo, e Emilio de África, decapitado baixo Septimio Severo.