emulsión

emulsión

(< lat emŭlsu, p p deemŭlgēre ‘muxir’)

  1. s f [QUÍM]

    Dispersión estable dun líquido (fase dispersa) noutro non miscible no primeiro (fase dispersante). A fase dispersa preséntase en forma de pequenas pingas esféricas dun diámetro que varía entre as décimas e as decenas do micrómetro. Se o diámetro das partículas é inferior a 0,1 μm, o sistema recibe o nome de dispersión coloidal. A miúdo, unha das fases é acuosa e a outra é un aceite. As emulsións acuosas de aceites animais, vexetais ou minerais empréganse na preparación de fibras téxtiles, cremas, locións e outros produtos.

  2. s f [IMAX]

    Substancia química fotosensible con que se recobre de xeito uniforme o soporte das películas e dos papeis fotográficos. Nunha película en branco e negro, a emulsión está formada por unha mestura de haluros de prata (bromuros e ioduros de prata) suspendida en xelatina que, pola acción da luz, se converten en prata negra, que só se evidencia despois do revelado. A emulsión tamén pode estar formada por materiais que experimentan cambios na súa estrutura cristalina e que, ao realizar o revelado e a fixación, orixinan a imaxe. A resposta dunha emulsión, isto é, o seu grao de sensibilidade, vén especificada pola súa curva característica; no caso da emulsión en cor, cada unha das tres emulsións que a compoñen caracterízanse por unha curva propia, pero é necesario que estas tres curvas coincidan apreciablemente.

  3. emulsión asfáltica [CONSTR]

    Produto bituminoso constituído pola emulsión directa dun betume en auga. A súa estabilidade conséguese mediante a adición dun emulxente.

Palabras veciñas

emulativo -va | émulo -la | emulsina | emulsión | emulsionante | emulsionar | emulsivo -va