Endeavour
Quinta lanzadeira norteamericana, empregada pola NASA para substituír o Challenger. Realizou o seu primeiro voo o 7 de maio de 1992 e durante este puido recuperar un satélite de comunicacións que estaba á deriva, o INTELSAT VI. Tecnicamente, defínese como Vehículo Orbital-105 (OV-105). Pesa en baleiro 68.585 kg e 78.017 kg cos motores principais instalados. A súa estrutura mide 37 m de lonxitude por 24 m de ancho. Con respecto a outros transbordadores, incorpora un novo hardware deseñado para mellorar as súas capacidades, un paracaídas de 40 m de diámetro e as conexións eléctricas precisas para a EDO (Extended Duration Orbiter), que permite realizar misións de ata 28 días. Ademais, inclúe ordenadores de propósito xeral avanzado, melloras nas unidades inerciais de medida e nos sistemas de navegación aérea táctica, e avances nos controladores de sucesos. Na primeira viaxe saíron da nave tres astronautas simultaneamente, P. Thuot, R. Hieb e T. Akers, que realizaron o paseo espacial máis longo da historia, cunha duración de oito horas e vinte e nove minutos.