endivia
(< ár ‘anṭûbiya)
Herbácea anual, de raíz de gran tamaño, follas de forma moi variable e nervadura central branca, disposta nunha roseta basal da que sobresae un talo florífero, de capítulos sésiles, localizados en posición axilar, solitarios ou en fascículos. Cada capítulo presenta entre 15 e 30 flores liguladas, de cor azul, rodeadas por dúas series de brácteas que sobrepasan das flores. Os froitos son aquenios grosos. Existen dúas variedades: Cichorium endivia, variante crispum, de follas estreitas, moi divididas e de bordo dentado; e Cichorium endivia, variante latifolium, de follas anchas e rizadas. Esta última denomínase tamén escarola e valórase especialmente cando presenta unha cabeza terminal pechada coas follas interiores de cor amarela ao non ter contacto coa luz. Caracterízase por un lixeiro sabor amargo e pode consumirse crúa, en ensaladas e entremeses, ou cociñada. A especie é orixinaria das zonas mediterráneas de Europa, África e Asia, e cultivárona exipcios, gregos e romanos. Os mercados dispoñen dela todo o ano procedendo principalmente de países mediterráneos e Holanda.