endocardite
(< endocardio + -ite)
Enfermidade inflamatoria, aguda ou crónica, das válvulas cardíacas e da membrana que recobre interiormente o corazón, o endocardio. O resultado final é a deformación das válvulas, que ocasiona valvulopatías crónicas, e a formación de émbolos. Aínda que as causas poden ser diversas, os principais tipos etiolóxicos son a endocardite infecciosa e a endocardite reumática. A endocardite infecciosa caracterízase por lesións ulcerosas producidas por diversos xermes, acompañadas de febre, sopro cardíaco e aumento do tamaño do bazo. A infección, a miúdo de orixe bucodental, implántase case exclusivamente sobre un endocardio previamente alterado por unha valvulopatía reumática ou por unha cardiopatía conxénita. Detense, case sempre, empregando antibióticos, como a penicilina. Os casos de endocardite infecciosa aumentaron paralelamente ao incremento do número de drogodependentes. A endocardite reumática localízase especialmente na válvula bicúspide ou na sigmoide aórtica, e case sempre vai acompañada de miocardite e, a miúdo, de pericardite.