endocrinoloxía

endocrinoloxía

(

s f [FISIOL]

Ciencia que estudia a estrutura, normal e patolóxica, e as funcións das glándulas de secreción interna, así como as propiedades químicas e os mecanismos de acción das hormonas que producen. A súa orixe é tan antiga coma a humanidade, pero non se aceptou como ciencia ata finais do s XIX. Anatomicamente, a maioría das glándulas endócrinas xa eran coñecidas polos gregos e os romanos. As últimas en ser descubertas foron as glándulas suprarrenais (1563) e as paratiroides (1879), pero a función de todas era aínda descoñecida. No s XVIII, Albrecht von Haller describiu a tiroide, o bazo e o timo como glándulas que non tiñan condutos excretores, senón que vertían as súas substancias ao sangue. O impulso da endocrinoloxía moderna débese a Claude Bernard que, en 1855, formulou claramente o concepto de secrecións internas, definíndoas como uns produtos específicos de certos órganos que se difunden por todo o corpo e son indispensables para o mantemento das funcións vitais. Schafer sinalou que as secrecións internas terían unha grande importancia terapéutica e indicou tamén que existen glándulas con secrecións internas e externas, e outras só internas; con isto, os conceptos de secreción interna e externa quedaban establecidos e aparecían os termos de endócrino e exócrino. Moitas enfermidades das glándulas endócrinas coñécense xa dende a Antigüidade, como a gota ou o cretinismo. En 1902, William Bayliss e Ernest Starling demostraron que a inxección dun extracto de mucosa do duodeno, estimula a secreción do zume pancreático; chamaron a esta substancia secretina e adoptaron o nome de hormona (1905) para referirse aos mensaxeiros químicos.