endorreísmo
(< endo- + gr ρεῐν ‘fluír’ + -ismo)
Fenómeno polo que a rede hidrográfica dunha rexión non desemboca ao nivel da base xeral oceánica. As augas superficiais desaugan nos sectores máis deprimidos e forman lagos e pantanos de diferente extensión. Débese fundamentalmente á aridez climática (carencia de precipitacións e forte evaporación), pero pódese formar tamén polo relevo (cubetas pechadas) e pola natureza do terreo (infiltracións ou impermeabilidade). As rexións endorreicas son case sempre lugares cun índice de pluviosidade moi baixo, sen alcanzar, non obstante, as características das zonas desérticas, totalmente desprovistas dunha conca hidrográfica. Entre as principais áreas endorreicas destacan as da cubeta iraniana e a de Uighur Zizhiqu do Mar Caspio, do mar de Aral, do lago Balkhas e do Mar Morto no continente asiático; as do lago Txad, do lago Rodolfo, e as rexións de pantanos de Okavango, no continente africano; as grandes concas pechadas norteamericanas de Nevada e Utah, no continente americano; a conca superior do lago Eyre en Australia e, dentro do continente europeo, na Península Ibérica, as da Mancha e as de certas zonas da depresión do Ebro.