enigma de Embívicus, O

enigma de Embívicus, O
[LIT]

Novela de Xosé Antonio Perozo publicada en 1992. Trátase dun relato de aventuras de cuadrillas dirixido a un público xuvenil que se caracteriza pola compoñente fantástica que envolve toda a historia. Un narrador omnisciente conta a historia dos habitantes de dous lugares rivais e inimigos irreconciliables dende o comezo dos tempos: Embívicus, unha vila que presenta a peculiaridade de ter no centro da súa praza un embigo cargado de lenda e de misterio, e Figueiras. O amor que nace entre Cali, un rapaz de doce anos que vive en Embívicus, e Susana, unha rapaza de Figueiras que ademais é a irmá do xefe da banda de mozos da vila, ocasiona receos e enfrontamentos constantes que chegan á máxima tensión na festa de San Xoán que celebran os veciños de Embívicus na Praza Maior, ao redor do misterioso buraco-embigo. Cali, co propósito de coller unhas flores para a súa moza, baixa polo buraco e desaparece. Gracias a unha meiga conseguen atopalo na beira do río que separa as dúas vilas. Dende ese momento os mozos fanse amigos e case conseguen a paz entre os dous lugares, pero, ao final, todo se complica e os rapaces teñen que fundar unha nova cidade, á que denominan Fundación, lonxe dos fanatismos dos adultos. Entón o alcalde de Embívicus decide illar o concello construíndo unha muralla, pero o embigo e o río destrúen todas as casas e só se salvan os mozos e a súa amizade. Ademais da fantasía, no relato destaca o humor e a velada ironía con que o autor aborda o mundo dos adultos e a defensa da solidariedade, o amor e a amizade, valores aos que se opoñen a teimosía, o fanatismo, a xenreira antiga e sen razón e as traizóns entre amigos para conseguir beneficio político ou social nunha sociedade pechada que vive por e para si mesma. Unha vez que o embigo misterioso adquire unha importancia central, todo xira ao seu redor, os habitantes do lugar constrúen muros que o cercan porque xa se consideran autosuficientes e convértense en simples e mecanizados pola súa propia cegueira ante o exterior. Só Cali e os seus amigos conservan a razón e observan a destrución do mundo dos maiores porque neles está o futuro dunha sociedade tolerante e aberta.

Palabras veciñas

enherbar | ENIAC | enigma | enigma de Embívicus, O | enigmático -ca | enigmatista | enigmística