ensalada

ensalada
  1. s f [ALIM]

    Prato formado por vexetais crus, aínda que tamén se pode facer con arroz, pataca cocida ou pasta, picados, revoltos e xeralmente condimentados con sal, aceite, vinagre, limón ou outros elementos ou salsas, como a maionesa, a vinagreta, ou incluso lácteos como o iogur ou a nata líquida. Existen infinidade de tipos, contándose entre os máis característicos a composta de leituga, tomate, cebola, sal, aceite e vinagre; a ensalada rusa, con pataca cocida, cenoria, chícharos e maionesa; a escalivada ou a esqueixada.

  2. s f [LIT/MÚS]

    Composición poética e musical de estilo madrigalesco a catro voces ou máis, cultivada no s XVI na Península Ibérica. A súa denominación débese á mestura e á heteroxeneidade dos elementos que a integran. É unha especie de quodlibet, obra miscelánea que se cultivou en Alemaña a finais da Idade Media. Quizais tamén garde relación co fricassé francés dos ss XV e XVI. Ten unha forma estrófica fixa cun metro libre e alterna distintas linguas (catalán, castelán, portugués, italiano ou gascón), mestura elementos dramáticos con outros máis divertidos, utiliza a ironía, a parodia ou a sátira. O seu argumento sempre garda relación, directa ou indirectamente, co nacemento de Xesús.  Esta mestura de elementos relixiosos e profanos fai que sexa orixinal, non só no aspecto musical senón tamén no literario. Os precedentes son as obras de Gil Vicente (1465-1536), de Francisco Peñalosa (1470-1528) e unhas composicións que tratan o Nadal do Cançoner musical de Barcelona. Mateu Fletxa o Vello (1481-1553) organizou perfectamente a ensalada e converteuna nun xénero divertido e nunha obra de arte. O seu sobriño Mateu Fletxa o Mozo publicou en Praga Las ensaladas (1581), recompilación de ensaladas do seu tío, tres súas, dúas de Pere A. Vila, unha de Càrceres e unha de F. Chacón.

  3. s f

    Mestura confusa de cousas heteroxéneas e sen conexión.

Refráns

  • Coa ensalada, ou viño ou nada.
  • Da ensalada, dous bocados e deixala.

Palabras veciñas

ensaísta | ensaística | ensaístico -ca | ensalada | ensaladeira | ensalmar | ensalmeiro -ra