ensanche

ensanche

(< ensanchar)

  1. s m

    Acción de ensanchar.

  2. s m

    Parte que está aumentada ou engadida a unha cousa.

  3. s m [URBAN]

    Sistema de planificación urbanística, ideado no s XIX, que consiste en edificar unha parte do espazo baleiro contiguo ao perímetro da cidade antiga, segundo planos xeométricos, con quinteiros abertos, amplos e axardinados, e extensos espacios verdes. No deseño dos ensanches téñense en conta unha serie de preocupacións relativas ás vivendas, á circulación e aos equipamentos.
    O ensanche no seu contexto histórico
    O ensanche constitúe a resposta peculiar do urbanismo español á necesidade de renovación das cidades ante as transformacións sociais que implicou a Revolución Industrial. A súa execución foi posible pola existencia dunha burguesía que procuraba un espazo residencial axeitado ás súas novas aspiracións, que superaba as limitacións impostas polos recintos murados. Os fundamentos teóricos desta tipoloxía foron enunciados por Ildefons Cerdà, autor do Proyecto de Reforma y Ensanche de Barcelona  (1859), na súa Teoría general de la urbanización y aplicación de sus principios y doctrina a la reforma y ensanche de Barcelona (1867). Despois da experiencia barcelonesa sucedéronse varios proxectos de ensanche en cidades españolas ao longo do último terzo do s XIX e primeira metade do s XX. Estes novos espacios, de trazado ortogonal, tiveron unha extensión variable en función, tanto do poder das burguesías locais, como do seu propio crecemento urbano. Nas grandes cidades (no caso galego Vigo e A Coruña), conformáronse extensos sectores urbanos baseados en proxectos precoces. Nas demais limitáronse a superficies máis reducidas e o seu desenvolvemento foi moito máis tardío, ou a expansión respondeu a modelos diferentes.
    Os ensanches en Galicia
    Vigo foi a primeira cidade galega onde se desenvolveron proxectos desta natureza; nun contexto social caracterizado polo auxe mercantil e industrial dos negocios relacionados co mar (pesca, consignatarias, estaleiros e industrias conserveiras), na cidade olívica leváronse a cabo dende principios do s XIX unha serie de proxectos e actuacións urbanísticas que modificaron o plano da urbe. Un primeiro proxecto de 1807, anterior á experiencia de Barcelona (que se empezou a formular en 1838), anticipaba solucións similares.  Proxectos posteriores, como o de Muller en 1810 e o de Marcoartú en 1837, non chegaron a aplicarse. Finalmente en 1870, un ano despois do derrubamento das murallas, edificouse o plan de ensanche ao L da cidade antiga, á beira da ría, baixo os auspicios do promotor García Olloqui. Este plan seguiu as directrices do proxecto de Marcoartú, rectificado en 1853 por Xosé María Pérez. Para entón en España xa se realizaran diversos ensanches (Bilbao, 1807; Santander, 1840; Barcelona, 1859; Madrid, 1860; Donostia, 1865). Tras este proxecto, unha sucesión de plans, de maior ou menor transcendencia, elaborados coa finalidade de ordenar o conxunto da cidade (Fernández Soler en 1887, Ramiro Pascual en 1907, Antonio Palacios nos anos trinta, Manuel Cominges en 1944) rematan de configurar o espazo edificado vigués, que delimitaban o ensanche aos espacios xa expostos anteriormente. Na Coruña, a expansión urbana durante o tránsito entre os ss XIX e XX respondeu á ideoloxía burguesa característica dos ensanches españois. A súa concrección, ao contrario de Vigo, responde a proxectos destinados, única e exclusivamente, a planificar sectores moi concretos deseñados segundo a concepción de ensanche imperante en España naqueles anos. Concretamente, foron dous os sectores escollidos para a expansión da cidade herculina seguindo a modalidade do ensanche. Un, coñecido como primeiro ensanche, esténdese no espazo continental inmediato ao istmo ocupado polo barrio da Pescadería, no sector comprendido entre as rúas Xoana de Vega e Xoán Flórez. Este sector respondeu a un anteproxecto elaborado en 1878 por X. Cigoña, aprobado definitivamente en 1885. O segundo ensanche rexe un espacio comprendido entre o primeiro ensanche e Riazor, na Agra do Orzán; a planificación deste sector aprobouse en 1910, pero, sen embargo, apenas se levou á práctica. Nas demais cidades galegas esta tipoloxía tivo unha repercusión menor, debido a causas endóxenas, principalmente o escaso dinamismo económico e o estancamento demográfico. Erroneamente, recibiron a denominación de ensanche determinadas actuacións nalgunhas cidades cunha morfoloxía urbana e unha xénese sensiblemente diferentes. En Lugo non se desenvolveu esta tipoloxía e o seu feble crecemento urbano permitiu conservar practicamente intacto o perímetro da muralla, limitándose ata finais do s XX á saturación dos espacios intramuros e a certas expansións extramuros seguindo as vías de acceso á cidade. En Ourense tampouco houbo un verdadeiro ensanche. En Santiago de Compostela o sector denominado O Ensanche non responde ás concepcións teóricas, aínda que houbo intencións de que así fose: en 1935 o concello encargoulle aos enxeñeiros Lafortet Cividades, Cánovas Lacruz e Gándara Cividades ordenar un amplo sector contiguo ao núcleo histórico. Paralizado o plan polo inicio da Guerra Civil, en 1945 encomendóuselle ao arquitecto Fernández Cochón a introdución de modificacións sobre o proxecto orixinario. Finalmente, o barrio construíuse nas décadas de 1960 e 1970, pero a primacía dos intereses económicos dos construtores desembocou nunha sobreedificación dun trazado viario ortogonal baseado rúas estreitas en relación ás alturas dos edificios, e carente de espacios verdes. Ferrol, urbanizada cun trazado ortogonal durante o s XVIII como consecuencia da súa designación como cabeceira de departamento naval (1749), non precisou dunha expansión posterior ata a segunda metade do s XX. Pontevedra, relegada nas súas funcións mercantís pola saturación do seu porto, careceu dunha burguesía local que demandase un espazo de expansión urbana.