Enteromorpha

Enteromorpha
[PROTISTA]

Xénero de algas verdes, da familia das ulváceas, de talo tubular formado por células que contan cun único cloroplasto con forma de copa. Presentan un ciclo diplobióntico isomórfico con gametos biflaxelados. Na costa galega está representado polas especies E. crinita, presente sobre pedras ou outras algas no mesolitoral, de talos tubulosos, moi ramalludos e estreitos con 1 mm de grosor, cubertos de pequenas proliferacións cónicas de tacto áspero que acadan os 30 cm de lonxitude; E. intestinalis, que medra en ambientes protexidos das pozas intermareais, con talo de cor verde amarelada de 35 cm de longo e 2 cm de ancho, e células de formas poligonais dispostas de xeito desordenado; E. prolifera, que forma cubertas sobre rochedos da zona intermareal, de talo verde estreito na base e ensanchado no extremo, moi ramificada e células de forma rectangular que aparecen ordenadas. A presenza de E. intestinalis vese favorecida nun medio con alta densidade de materia orgánica disolta na auga polo que son bioindicadoras deste tipo de contaminación.

Palabras veciñas

enterogastrona | enterolitiase | enterolito | Enteromorpha | enteropatía | enteropeptidase | enteropexia