enteropneusto -ta
-
adx
Pertencente ou relativo aos enteropneustos.
-
s
m
[ANIMAL]
Verme da clase dos enteropneustos.
-
s
m pl
[ANIMAL]
Clase de hemicordados de corpo vermiforme e viscoso, dividido nunha probóscide, colar e tronco de forma alongada. A parede corporal aparece dividida en epiderme, plexo nervioso, músculos e peritoneo. O aparato dixestivo fórmano a boca, a farinxe, o esófago, o intestino e o ano, mentres que o aparato excretor consta dun glomérulo. O intercambio gasoso realízase mediante un sistema branquial; a parede corporal e o aparato circulatorio son abertos, cun vaso dorsal e outro medio ventral. O sistema nervioso consta dun plexo subepitelial e de cordóns nerviosos. Presentan múltiples gónadas e a fecundación é externa. Coa probóscide buscan o alimento, grazas á mucosidade que a recobre e na que se prenden as partículas alimenticias, mentres permanecen ocultos baixo pedras ou cubertos pola lama ou area en tobos en forma de U e a máis de medio metro de profundidade. Son animais solitarios propios da zona intermareal. Os xéneros máis característicos son Balanoglossus e Saccoglossus. Reciben a denominación vulgar de vermes landra.