entoación
(< entoar)
-
s
f
[LING]
ariación da frecuencia fundamental (ton) entre os diferentes sons lingüísticos que forman un enunciado, que produce unha impresión auditiva semellante ao dunha melodía. O ton, a duración e a intensidade dos diferentes sons dunha secuencia constitúen os trazos prosódicos ou suprasegmentais; esta designación fai referencia a que, en linguas coma o galego, o valor de calquera destas variables non é relevante en cada segmento fónico de forma illada, senón que o é a variación ou o contraste que se produce entre uns segmentos e outros nunha cadea fónica. O estudo da entoación é unha materia complexa e ten sido abordado desde diferentes perspectivas, non sempre compatibles. Segundo a perspectiva que se adopte, distínguense diferentes unidades ou ámbitos de entoación e diferentes trazos relevantes. En calquera caso, na maioría das aproximacións considéranse lingüisticamente relevantes certos movementos da frecuencia fundamental, como ascensos marcados do ton en certas sílabas (o acento de entoación, por exemplo) e os contornos tonais no final dun enunciado ou dunha frase de entoación. Certos aspectos da entoación están determinados polas características anatómicas e fisiolóxicas do aparato fonador (por exemplo, a frecuencia e o rango da voz dunha persoa determinada), mais dentro deses límites o falante pode actuar conscientemente sobre a frecuencia que emite (como se mostra claramente no canto) e polo tanto pode facer uso da entoación para transmitir información durante a comunicación lingüística. Os usos lingüísticos da entoación son de diferente tipo e actúan en niveis comunicativos e lingüísticos distintos: a) no nivel do texto serve para organizar de maneira coherente a información, de maneira que permite indicar continuidade entre enunciados, fronte ao remate do desenvolvemento dun tema, que provoca a baixada do ton ata o nivel máis baixo no rango de voz do falante. A introdución dun novo tema ou dunha información relevante normalmente márcase por medio dunha elevación do ton no inicio do enunciado; b) dentro dun enunciado pode empregarse para marcar a estrutura da información, diferenciando a información nova ou contrastiva da redundante ou adicional. Xeralmente a información que se quere destacar está asociada a unha elevación, ás veces moi marcada, do ton; c) unha das funcións lingüisticamente máis relevantes da entoación é o seu emprego como marca da estrutura gramatical dos enunciados (de maneira semellante a como se marca na lingua escrita coa puntuación, pero dun xeito máis rico e complexo), delimitando dominios e fronteiras de oracións e de determinadas frases ou sintagmas. O remate dun enunciado independente márcase coa baixada da frecuencia fundamental ata o nivel máis baixo do falante, asociada a un ton (relativamente) baixo na última sílaba tónica. Un remate nun nivel máis alto ou coa última sílaba tónica con ton máis elevado indican que o enunciado continúa, como ocorre nas enumeracións ou cando seguen outros elementos gramaticais. Este contorno tamén se encontra nos finais de frases de entoación que indican continuidade do enunciado, en casos coma: Un médico, residente en Foz, é o principal sospeitoso do roubo, fronte a Un médico residente en Foz é o principal sospeitoso do roubo; d) serve para distinguir as modalidades de enunciado: enunciativa, interrogativa e exclamativa. Para diferencialas utilízanse dun modo complexo o ton da parte inicial e do corpo do enunciado (alto ou baixo, sempre dentro do rango de cada falante), o ton da sílaba tónica principal do final do enunciado e o contorno final da entoación, fundamentalmente; e e) moitas veces, en unión con outros trazos prosódicos e paralingüísticos (xestos, pausas...), serve para expresar a actitude persoal ante o que se di: convición, incredulidade, ironía, excitación, sorpresa, etc. Este tipo de significados superponse cos vistos máis arriba, de maneira que se poden encontrar tanto afirmacións coma interrogacións irónicas, por exemplo, e non hai descricións inequívocas que asocien trazos de entoación con cada unha destas actitudes. Por outra parte, entre as variedades xeográficas ou sociais dunha lingua adoitan existir diferencias en determinados aspectos da entoación que, xunto con outros trazos prosódicos e lingüísticos, permiten identificar o dialecto ou variedade a que pertence un falante. Por exemplo, no Baixo Miño existe un modelo de entoación interrogativa en que a última sílaba tónica ten un ton elevado e o enunciado remata cun contorno descendente, un patrón entoativo descoñecido no resto do galego. Intuitivamente recoñécense entoacións peculiares dos falantes da Costa da Morte ou das Rías Baixas, por exemplo, que os distinguen dos falantes do interior, mais estas entoacións aínda non foron descritas detalladamente.
-
s
f
[MÚS]
-
Forma de emitir a voz humana unha nota musical. Pode ser xusta, cando a nota ten a altura exacta prevista, e falsa, cando é máis alta ou máis baixa.
-
Ton que se adopta ao comezar a cantar un fragmento musical.
-