Entoloma

Entoloma
[FUNGO]

Xénero de fungos, da familia das entolomatáceas, de cogomelos con láminas de cor rubia e esporas con formas poliédricas e angulosas. En Galicia están presentes, E. cetratum, con cogomelos de ata 8 cm de altura, cun sombreiro de 5 cm de diámetro, de cor parda amarelada, cunha zona central escura e cheiro a fariña, que aparece principalmente en bosques de piñeiros; E. clypeatum, con cogomelos de ata 12 cm de altura, cun sombreiro de 12 cm de diámetro plano e umbonado, de cor parda escura e cheiro fariñento, que está presente en sebes; E. leptonipes, de cogomelos de ata 5 cm de lonxitude e cun sombreiro de 4 cm de diámetro con forma de funil de cor lila cinsento, co centro ennegrecido e que aparece nas fragas; E. nidorosum, de cogomelos de ata 10 cm de altura, cun sombreiro de 8 cm de diámetro, de cor parda amarelada, propio de fragas e bosques de ribeira; e E. papillatus, con cogomelos de cor parda escura que acadan os 5 cm de altura e sombreiro campanuláceo de 4 cm de diámetro, que está presente en prados.

Palabras veciñas

entobar | entolar | entolecer | Entoloma | entolomatáceo -a | Éntoma | Éntoma, ponte de