Entrimo

Entrimo


Concello da comarca da Baixa Limia, situado na provincia de Ourense no extremo S da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N con Portugal e co concello de Lobeira (Baixa Limia), ao L e S co de Lobios (Baixa Limia), e ao O con Portugal. Abrangue unha superficie de 84,5 km 2 cunha poboación de 1.390 h (2007), distribuídos nas parroquias de Entrimo, Galez, A Illa, A Pereira e Venceáns. A capital municipal é o lugar da Terrachá, na parroquia de Entrimo, situada a 41° 56’ 3’’ de latitude N e 8° 6’ 43’’ de lonxitude O, 65 km ao SO de Ourense e 177 km ao SL de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Bande e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello de Entrimo está baixo o dominio oceánico húmido, se ben presenta certos matices de mediterraneización. O feito de que boa parte do territorio municipal quede protexido por dúas barreiras montañosas situadas ao N e ao O provoca que existan unhas elevadas precipitacións, especialmente cando lle afectan situacións ciclónicas do S e SO. O abrigo do N e a escasa altitude media das terras situadas tras esas barreiras orográficas (entre 300 m e 400 m), favorecen uns invernos suaves e uns veráns calorosos. A temperatura media anual é de 13° C; a temperatura media mensual mínima rexístrase en xaneiro, con 6,5° C, mentres que a máxima corresponde aos meses de xullo e agosto, ambos os dous con 20,5° C. Malia a posición meridional do concello, a insolación é moderada (pouco máis de 2.000 horas anuais), como consecuencia das néboas de radiación provocadas por unha inversión térmica frecuente. O risco de xeadas esténdese de outubro a marzo ou abril. As precipitacións sitúanse entre os 1.500 e 1.700 mm. A distribución estacional das precipitacións amosa unha prolongada seca estival, que se estende entre maio e setembro: o réxime pluviométrico amosa un claro predominio invernal, estación na que se recollen o 38% das chuvias anuais; o outono e mais o inverno adoptan un comportamento de estacións de transición, pois nelas caen o 28% e o 26%, respectivamente. Nos meses do verán só se recolle unha media do 8% das precipitacións anuais. Nos sectores máis elevados do municipio, no N e O, o clima cambia radicalmente; dáse o dominio do clima de montaña, caracterizado polas baixísimas temperaturas invernais (entre 0° C e 2° C de media), elevada amplitude térmica anual e abundantes precipitacións, superiores aos 2.000 mm ao ano. O risco de xeada nestes sectores prolóngase durante todo o ano e son frecuentes as precipitacións en forma de neve (unha media de entre 20 e 30 días ao ano). O relevo de Entrimo caracterízase pola presencia de dous cordais montañosos bastante destacados, situados ao N e O do municipio. No N aparece a Serra de Queguas, onde se acadan as maiores altitudes do concello, nos montes Coto dos Gavos (1.263 m) e Pena Grande (1.208 m). Na área occidental están os montes do Quinxo que culminan nos 1.163 m de altitude do Pico Quintano e constitúen a vertente española do Val do río Barcia. No centro, S e SL do concello ábrense un abano de vales fluviais que verten as súas augas no Limia. Estes cursos fluviais serven de límites naturais con Portugal, no caso do río Barcia, e co concello de Lobios, no caso do río Limia. Ambos os dous posúen numerosos afluentes que percorren o interior de Entrimo. No SO, unha parte das terras do municipio quedan encadradas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, que continúa en Portugal no Parque Nacional de Peneda-Gêres.
Xeografía humana
A característica fundamental que define o poboamento de Entrimo é a concentración da poboación nas súas dezaseis entidades, polo que queda o resto do territorio baleiro, especialmente as áreas montañosas do N e O. Tan só catro localidades superan os cen habitantes. A evolución demográfica experimentada dende o primeiro censo de poboación de 1887 (cando sumaba 3.420 h) ata 2007, traduciuse nunha reducción do 59,35% dos seus efectivos, motivada pola forte incidencia da emigración. Malia a contundencia dos datos, cómpre facer matizacións, pois o descenso demográfico iniciouse a partir da década de 1940, ano no que o concello acadou o seu máximo poboacional, cun censo de 3.778 h. Entre 1887 e 1910 o comportamento demográfico do concello caracterizouse polo estancamento, pois o elevado crecemento natural da poboación non conseguía compensar a repercusión da emigración, de xeito que os sucesivos períodos intercensuais rexistraron lixeiras perdas, a un ritmo medio do 0,08% anual. En 1910 comezou a medrar a poboación nun proceso que se prolongou ata 1940, cunha media do 0,41% anual, malia que a emigración exterior continuaba en pleno apoxeo. Non obstante , a partir desa data, a poboación entrou nunha dinámica de declive ininterrompido, aínda que con diferencias na súa intensidade. Ata 1970 a caída rexistrou unha media do -1,27% anual; a emigración tomaba rumbo cara ás cidades de Vigo e Ourense, e tamén a outras áreas industrializadas de Europa, fundamentalmente Francia. O período intercensal seguinte (1970-1981), inserido nun contexto de crise económica mundial, que significou o cesamento da demanda de man de obra nos países tradicionalmente receptores de inmigrantes, rexistrou unha leve tendencia á recuperación (0,16 % anual). Os anos oitenta, pola contra, supuxeron un dos momentos de maior declive demográfico (descenso medio do -3,48% anual entre 1981 e 1991). Os anos noventa supuxeron un proceso máis lento de perda de efectivos, pois o avellentamento de toda a poboación facía que o volume de adultos novos en idade de emigrar quedara moi reducido, de xeito que o descenso de poboación se verificou a un ritmo medio do -0,4 % anual entre 1991 e 1998. Entre 2001 e 2007 descendeu o 3,78%. O crecemento natural (2006) é negativo (-14,5‰), froito dunha baixa natalidade (3,3‰), e unha mortalidade elevada (17,8‰), como consecuencia do alto grao de senectude. Así, a estructura por idades reflicte unha poboación tremendamente avellentada, onde o grupo dos maiores de 65 anos supón máis dun tercio dos habitantes (41,9%), mentres que os menores de 20 anos só representan o 8,5%; o grupo intermedio representa o 49,6%. As mulleres constitúen o 53,66 % e os homes o 46,31%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello Entrimo de é do 35,3% (46,9% a masculina e 25,8% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,2% (41,6% a masculina e 22,8% a feminina) e a taxa de paro é do 11,5% (11,3% a masculina e 11,8% a feminina). A estructura económica de Entrimo presenta unha base agropecuaria bastante marcada, pois ademais das persoas que se dedican a esta actividade de xeito directo (20,6%), unha boa parte dos traballadores doutros sectores traballan nas explotacións familiares a tempo parcial, de xeito que obteñen uns importantes complementos das súas rendas. No último terzo do s XX experimentouse unha continua redución de parcelas e un proceso de concentración das explotacións como consecuencia do abandono de moitas das anteriormente existentes. Predominan os cultivos tradicionais orientados ao autoconsumo, os de millo, patacas, hortalizas e vide. Os matices mediterráneos do clima permiten a produción de cítricos e olivas; sen embargo, este último cultivo xa é moi marxinal dado que se abandonou a tradicional elaboración do aceite. A gandería é pouco importante, tan só cabe mencionar a existencia dalgunha granxa avícola. A produción forestal crece ano tras ano porque ocupa moitas terras de labor abandonadas, con plantacións de piñeiros e, en menor medida, de eucaliptos. A industria é practicamente inexistente, e limítase a algúns serradoiros e a unha fábrica familiar de queixos, que en total dan traballo ao 12% dos ocupados. A construción emprega ao 19,4% dos traballadores residentes no concello. Os servizos son o sector de actividade que ocupa un maior continxente de traballadores (48%). As principais vías de comunicación son a estrada nacional N-540 que une Lugo e Portugal, e a estrada local de Bande a Lobeira e Entrimo, e varias pistas que parten da capital municipal e serven de comunicación coas aldeas das cinco parroquias do concello.
Historia
Os primeiros vestixios de ocupación humana do territorio de Entrimo remóntanse á cultura megalítica (3500-2000 a C), á que pertencen as necrópoles de Chan de Andrés e a Chaira de San Fiz en Galez, e a do Monte dos Fachos en Entrimo. A cultura castrexa (s VI a C - II d C) tamén deixou a súa pegada nos castros do Castelo en Galez e Monte dos Castelos en Entrimo. A primeira referencia documental data de 1149, cando nunha concordia bispal se cita o topónimo de Interimi (Entrimo). Durante a Idade Media, debido á posición fronteiriza deste territorio, sucedéronse e superpuxéronse varias xurisdicións, así, o mosteiro de Celanova, xunto co rei, tiña dominio xudicial e fiscal sobre varias poboacións. A parte real da xurisdición dooulla Enrique II en 1368, antes de ser rei, a Xoán Rodríguez de Biedma, aliado dos Trastámara. A herdanza da familia Biedma pasou ao condado de Monterrei. Tamén exerceron xurisdición civil e criminal os condes de Ribadavia. Durante a Idade Moderna, a xurisdición de Entrimo estivo repartida entre catro partes: o mosteiro de Celanova, a Coroa (con dúas desas partes) e o mosteiro de Freás, se ben o conde de Ribadavia recibía rendas de todos eles. A xurisdición de Entrimo promoveu un preito e logrou desfacerse do dominio señorial para converterse en xurisdición de reguengo. En 1608, o Rei Filipe III eximiu os veciños de Entrimo de cargas militares polos seus servicios nas guerras hispano-lusas; Filipe IV confirmoulles este privilexio en 1643. A finais do s XVIII a xurisdición de Entrimo aparecía incluída entre os estados do conde de Ribadavia. A aplicación da Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812, supuxo a abolición do señorío e a creación do concello de Entrimo. Non obstante , en 1814 Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o réxime señorial. Un novo intervalo constitucionalista, entre 1820 e 1823, permitiu un segundo período de vida do concello, que rematou do mesmo xeito, cun decreto de Fernando VII e a restauración do Antigo Réxime. Restablecido definitivamente o municipalismo en 1835, Entrimo recuperou o seu concello, integrado polas mesmas parroquias que posúe na actualidade. Dende aquela, a única modificación foi a creación das parroquias de Galez e A Pereira, segregadas da parroquia de Entrimo en 1893.
Patrimonio cultural
Ademais do seu patrimonio arqueolóxico, cómpre salientar a igrexa de Santa María a Real de Entrimo, na que destaca a súa fachada principal concibida como un retablo pétreo dedicado á realeza da Virxe. No eido da arquitectura civil destacan a ponte da Boutureira, de orixe romana, e o pazo de Represa, construción barroca do s XVIII. Na Terrachá está o museo do doutor Luís de Castro García. No eido do patrimonio natural destaca o espazo da Baixa Limia, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran na comarca destacan as de Santa María a Real en agosto, a Virxe da Sobreira en Ferreiros no mes de setembro, e a romaría de Nosa Señora da Saleta tamén en setembro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Baixa Limia, A
Extensión 84 Km2
Poboación Total 1390 h
Poboación Homes 644 h
Poboación Mulleres 746 h
Densidade de poboación 16.55 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias