epiderme

epiderme

(

  1. s f [ANAT]

    Capa exterior da pel, de orixe ectodérmica, non vascular, situada enriba da derme, que recobre toda a superficie do organismo. A epiderme nos invertebrados xeralmente só ten un estracto de células. Nos vertebrados é a capa máis delgada da pel. Consta de dúas zonas, unha máis externa, o estrato córneo, formada por células inertes, endurecidas con queratina e con función protectora, e unha zona máis interna, en contacto coa derme, formada por células vivas que dividen e renovan o estracto córneo. Tamén dá orixe a varias estruturas especializadas, coma as escamas nos réptiles, as plumas nas aves ou os pelos nos mamíferos. No corpo humano, a epiderme consta de cinco capas, a basal ou xerminativa, situada enriba da derme, formada por células cunha intensa actividade mitótica e por células produtoras de melanina; a espiñosa, formada por células que sintetizan queratina; a granulosa, formada por células aplanadas con granulacións; a lúcida, formada por células brancas e córnea; e a capa máis externa, formada por células mortas e aplanadas que se desprenden continuamente.

  2. s f [BOT]

    Tecido adulto primario que recobre o corpo das plantas, separándoas do medio externo. Provista normalmente de estomas e de pelos, está formada por células sen clorofila, recubertas por cutina, que a fai impermeable. A súa función é protexer a planta das agresións externas e evitar a perda excesiva de auga.