ergativo -va

ergativo -va

(< gr ἐργάτης ‘traballador’)

adx e s m [LING]

Caso que, en certas linguas como as caucásicas, o éuscaro e o esquimó, indica o axente dunha acción transitiva. Nestas linguas o caso ergativo adquire unha marca específica, mentres que o paciente dos verbos transitivos e o axente dos intransitivos se presenta cunha forma invariable (nominativo ou ausencia de marca de caso). É dicir, cando un predicado verbal é susceptible de levar dous participantes, un activo e outro pasivo, ambos se distinguen pola marca de caso ergativo asociada ao axente dese predicado e, sen embargo, o participante pasivo adoita ir sen ningún tipo de marca. Pero cando o predicado verbal só admite un participante, ese participante -activo ou pasivo- prescinde de toda marca xa que non cómpre empregala para diferenciar ambos os dous participantes. Así, por exemplo, en éuscaro, os termos gizona (‘o home’) e liburua (‘o libro’), acompañados de verbo transitivo ikhusi-du (‘viu’), convértense en gizona-k liburua ikhusi-du (‘o home viu o libro’), en que o axente gizona recibe a marca de ergativo -k. Pola contra, nun enunciado con verbo intransitivo non cómpre ningunha marca de ergativo: gizona joan-da (‘o home marchou’).

Palabras veciñas

ergasterio | ergastoplasma | ergástulo | ergativo -va | ergo | ergo* | ergo-