escafandro

escafandro

(< gr σκά)

  1. s m

    Conxunto de aparellos que permiten que unha persoa poida permanecer somerxida na auga cunha certa autonomía. Cabe distinguir entre o escafandro clásico (que recibe o aire dende a superficie mediante un tubo) e o escafandro autónomo (que leva o subministro de aire incorporado). Nos escafandros autónomos, o aire chega ao submarinista a través de dous tipos de circuítos: o circuíto aberto, que emprega o aire almacenado nunha ou máis bombonas (aire que se reduce á presión apta para a respiración e que se evacúa unha vez expelido polo submarinista) e o circuíto pechado, que consta dun depósito alimentado polo osíxeno das bombonas e provisto dunha pequena cantidade de cal sodada que purifica o aire expirado. As bombonas deste tipo tamén poden almacenar unha mestura de helio, osíxeno e nitróxeno, feito que lle permite ao submarinista mergullarse máis profundamente e durante máis tempo (sempre controlando os períodos de descompresión). O escafandro acoirazado, formado por un conxunto de pezas articuladas con aparencia de robot, pode soportar grandes presións sen que o submarinista sufra. Neste escafandro regúlase a respiración por medio de substancias que absorben o dióxido de carbono e proporcionan osíxeno.

  2. escafandro espacial [COSMON]

    Equipo empregado polos astronautas nas súas saídas ao exterior dos vehículos espaciais que os envolve nun medio adecuado para as funcións humanas.

Palabras veciñas

escaf(o)- | escaf- | escafandrismo | escafandro | escafo- | escafoide | escafópodo -da