escenografía

escenografía

(< grσκηνογραϕία)

  1. s f [ESPECT]
    1. Arte e técnica de montar a escena teatral.

    2. Conxunto de elementos que forman o decorado dunha obra teatral, cinematográfica ou dun programa de televisión. Concrétase na ideación e na construción do mundo dramático no que se desenvolve a acción e no que os personaxes viven os diversos conflitos que conforman o drama ou a comedia. Inclúe os decorados, os figurinos, o atrezzo, o mobiliario e a luminotecnia. Pódese fixar a súa orixe en Grecia no s V a C. Os decorados de seda representaban palacios ou templos para as traxedias, mentres que os cuartos de dous pisos eran para as comedias. Os decorados romanos primitivos eran de tres clases: tráxicos, cómicos e satíricos, e semellaban templos, palacios, tumbas, rochas e altares. Por outro lado, os populares espectáculos de mimo tiñan lugar sobre pequenos estrados, cunha simple cortina como fondo. A utilización de carretas unidas entre si por pequenas plataformas complicou a decoración teatral, ata chegar ao extremo das complexas imaxinacións dos autos sacramentais do s XVII. No Renacemento, Bramante inventou o teatro de perspectiva, e B. Peruzzi fixo por primeira vez en Roma un decorado deste estilo. Cara ao 1580, A. Palladio construíu en Vicenza o Teatro Olímpico, inspirado nos antigos teatros romanos. Nos corrales de comedias, as obras representábanse con gran simplicidade de recursos escénicos. Pola contra, nos teatros xardín ou nos teatros de corte dos ss XVII e XVIII, os ballets e as óperas desenvolveron unha escenografía complicada e artificiosa. Italia, onde destacaron Torelli, Andrea Pozzo e F. Bibiena, foi por diante durante moitos anos, e unha gran parte da terminoloxía escenográfica é de orixe italiana (bambolina, rompiment, ferma, etc). En Francia, Pierre-Luc-Charles Cicéri foi mestre de H. R. Philastre, E. A. Cambon, E. P. Séchan e A. A. Rubé, creadores da escola verista. Como reacción contra a escenografía wagneriana, extremadamente naturalista, apareceu o simbolismo, xunto coa figura do director ou metteur-en-scène. A escenografía, e outras disciplinas relacionadas co deseño e coa plástica teatral como o figurinismo, a iluminación ou a caracterización, viviron un considerable desenvolvemento durante todo o s XX, sempre en relación coa sucesión de correntes e tendencias escénicas que se van configurando no primeiro terzo do s XX a partir da aparición das primeiras vangardas. Correntes como o naturalismo, o simbolismo, o construtivismo, o expresionismo, o surrealismo, o minimalismo, o posmodernismo ou as novas tecnoloxías relacionadas coa imaxe e a comunicación, deixaron a súa pegada nas realizacións escénicas e na súa dimensión plástica. Así, a realización escenográfica adquiriu novas posibilidades, tamén derivadas da ampliación do espazo escénico e teatral e da incorporación de novos marcos para establecer os procesos de comunicación e recepción teatral, coas achegas de experiencias procedentes do campo das artes plásticas como as instalacións, as ambientacións e as transformacións de espacios.

  2. s f [ARTE]

    Conxunto de elementos, entre outros, arquitectónicos e paisaxísticos, que se dispoñen nunha obra de arte para producir o efecto dun ambiente determinado.